Novas

Xoves, Maio 14, 2026

O Issga organiza unha xornada técnica sobre somnolencia e seguridade viaria para sensibilizar fronte aos riscos ao volante

Foto xt_Ourense_seguridade viaria

Ourense, 14 de maio de 2026.  O Issga continúa reforzando as actuacións de sensibilización en materia de seguridade viaria laboral coa celebración da xornada técnica “Desperta ao perigo: somnolencia e seguridade viaria”, unha iniciativa orientada a concienciar sobre os riscos asociados á fatiga e á somnolencia durante a condución no ámbito laboral.

A actividade, incluída na programación formativa do instituto e enmarcada nas actuacións do Plan de actuación do organismo en materia de seguridade viaria laboral, aborda o impacto da somnolencia na sinistralidade viaria, un dos factores de risco con maior incidencia nos accidentes de tráfico relacionados co traballo.

A xornada conta coa participación de profesionais de distintos ámbitos técnicos e sanitarios que analizarán os factores que inflúen na aparición da somnolencia ao volante, así como as principais medidas de prevención e sensibilización. O programa inclúe intervencións de representantes da Dirección Xeral de Tráfico, da Garda Civil de Tráfico, do ámbito sanitario e farmacéutico e persoal técnico do Issga.

Da análise da sinistralidade viaria relacionada coa somnolencia, abórdanse os efectos da fatiga na capacidade de atención e reacción durante a condución e a importancia dos hábitos saudables e da prevención no ámbito laboral. Ademais, a actividade incorpora un taller práctico con simulador de condución de alta inmersión, gafas de realidade virtual e demostración de dispositivos relacionados coa síndrome da apnea do sono, permitindo ás persoas asistentes experimentar situacións reais de risco nun contorno seguro.

Con esta iniciativa, o Issga reafirma o seu compromiso coa promoción dunha cultura preventiva orientada á redución da sinistralidade viaria laboral, impulsando accións de formación, información e sensibilización dirixidas a empresas, profesionais e persoas traballadoras.