Xoves, Marzo 21, 2013
O ISSGA organiza unha xornada técnica sobre ergonomía no posto de traballo para a prevención de lesións músculo-esqueléticas
- A finalidade foi ofrecer un procedemento a partir de dez principios básicos, para realizar un deseño novo do posto de traballo ou a modificación do existente con garantía de éxito
- Os trastornos músculo-esqueléticos constitúen unha das principias causas de sinistralidade laboral
- O Plan de Actividades do ISSGA para 2013 conta con dous programas específicos neste eido: o Programa de loita contra os accidentes por sobreesforzos e o Mapa de riscos ergonómicos de Galicia
Pontevedra, 21 de marzo de 2013.-
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organizou hoxe en Pontevedra e onte na Coruña unha xornada técnica sobre ergonomía no posto de traballo e a prevención de lesións músculo-esqueléticas dos traballadores.
A finalidade desta xornada, realizada en colaboración coa Mutua Universal, foi ofrecer un procedemento estruturado e sistemático a partir de dez principios básicos, para realizar un deseño novo do posto de traballo ou a modificación do existente con garantía de éxito.
É importante ser conscientes da repercusión que ten un deseño inadecuado do posto de traballo ou unha mala organización das tarefas a desempeñar. Os trastornos musculoesqueléticos constitúen unha das principias causas de sinistralidade laboral, onde un terzo dos accidentes se producen por sobreesforzos, e as tres cuartas partes das enfermidades profesionais tamén veñen motivadas por este tipo de lesións.
A prevención dos trastornos músculo-esqueléticos está ligada directamente cun correcto deseño do espazo e o posto de traballo, o emprego de ferramentas de calidade, un adecuado mantemento de espazos e útiles e unha boa organización do traballo.
Por todo isto, dentro do Plan de actividades 2013 do ISSGA mantense unha continuidade con dous dos programas existentes no ano anterior e que se centran na prevención de riscos ergonómicos.
Por unha banda, o Programa de loita contra os accidentes por sobreesforzos está dirixido especificamente ao asesoramento das empresas que teñan alta incidencia deste tipo de sinistros. No ano 2012, o persoal técnico do ISSGA levou a cabo un total de 195 actuacións en base a este programa.
Doutra banda, o Mapa de riscos ergonómicos de Galicia ten como obxectivo a análise das situacións de risco ergonómico (derivado da manipulación manual de cargas, posturas forzadas, movementos repetitivos ou aplicación de forza) na poboación traballadora galega e segundo a actividade económica. O ano pasado colaboraron 77 empresas das seguintes actividades económicas: asistencia en establecementos residenciais; servizos a edificios e actividades de xardinaría; confección de pezas de vestir; fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques; e comercio polo miúdo, agás de vehículos de motor.