Xoves, Outubro 09, 2014
O ISSGA organiza unha xornada técnica en Pontevedra sobre prevención de riscos na exposición a axentes químicos
- A actuación forma parte do Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 e do Plan Anual de Actividades do ISSGA.
Redondela (Pontevedra), 9 de outubro de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organismo pertencente á Consellería de Traballo e Benestar, está a organizar hoxe no seu centro de Pontevedra, emprazado en Rande (Redondela), unha xornada técnica sobre as ferramentas que se deben utilizar para a avaliación simplificada da exposición de axentes químicos. En concreto, a actuación céntrase nas ferramentas do regulamento de rexistro, avaliación, autorización e restrición das substancias e preparados químicos e a súa utilidade para a mellora das condicións de traballo.
Así mesmo, diferentes expertos están a informar sobre as metodoloxías cualitativas para a avaliación da exposición a axentes químicos por vía inhalatoria. Unha información correcta neste eido permite a aplicación das metodoloxías simplificadas ou cualitativas para a avaliación do risco hixiénico potencial nos lugares de traballo, que resultan especialmente axeitadas para incentivar a aplicación de medidas técnicas correctoras nas pequenas e medianas empresas.
Esta xornada encádrase dentro do Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 e do Plan Anual de Actividades do ISSGA. Así mesmo, a iniciativa forma parte da oferta formativa do Instituto para o ano 2014.
A primeira parte da xornada correrá a cargo de Xavier Guardino Sola, enxeñeiro químico, doutor en Ciencias Químicas e director do departamento de Información e Documentación do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT). No segundo relatorio interverá Javier Ruíz Pérez, enxeñeiro técnico industrial e técnico superior en prevención de riscos laborais na área de hixiene industrial de Fremap.