Martes, Maio 06, 2014
O ISSGA organiza unha xornada sobre a xestión de riscos derivados da presenza do amianto en edificios
- É imprescindible evitar a exposición ao amianto, por una parte, traballando coas medidas de seguridade establecidas, e por outra, coñecendo a existencia de fibras e a súa perigosidade
- O ISSGA realiza diversas actividades neste eido, tales como a xestión do Rexistro de empresas con risco pos amianto (RERA), a colaboración coa autoridade sanitaria ou o desenvolvemento de campañas informativas
Santiago, 6 de maio de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organiza hoxe e mañá en Santiago un curso sobre a xestión do risco derivado da presenza de materiais con amianto nos edificios, dirixido a persoal técnico do ISSGA e dos servizos de prevención de riscos laborais da Xunta. No mesmo están a participar 30 persoas.
Hai pouco máis de dez anos que se prohibiu o amianto en España. Prohibiuse a utilización, produción e comercialización das fibras de amianto e dos produtos que a conteñan. O amianto forma parte dun gran número de materiais colocados en boa parte dos edificios construídos no século XX. Forma parte intrínseca de redes de saneamento, depósitos de auga, cubertas e medianeiras, no fibrocemento ou uralita.
As fibras de amianto ao chegar ao aire e ser respiradas poden quedarse depositadas no organismo, que, non podendo absorbelas ou eliminalas, protéxese delas dando paso a diferentes patoloxías graves e irreversibles, de largos períodos de latencia, que se poden desenvolver 20 ou 30 anos despois de ter estado en contacto coas fibras.
É imprescindible evitar a exposición ao amianto, por una parte, traballando coas medidas de seguridade establecidas, e por outra, coñecendo a existencia de fibras e a súa perigosidade xa que o verdadeiro risco do amianto é o descoñecemento da súa existencia.
O ISSGA realiza diversas actividades neste eido, tales como a xestión do Rexistro de empresas con risco pos amianto (RERA), a colaboración coa autoridade sanitaria para o intercambio de datos de vixiancia da saúde dos traballadores ou o desenvolvemento de campañas informativas.