Venres, Outubro 19, 2012
O ISSGA organiza unha xornada sobre a prevención de risco por exposición ao po de sílice en traballos de pedra
• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe esta xornada e indicou que o instituto incluíu nos seus plans anuais de actuación un programa de prevención do risco por sílice na transformación de pedra natural e nos traballos con compactos de cuarzo
• A exposición á sílice segue sendo un grave perigo para moitos traballadores, dado que pode causar silicose
• O ISSGA realiza periodicamente estudos técnico-hixiénicos de exposición a sílice nas canteiras de lousa e granito de Galicia
A Coruña, 19 de outubro de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organizou hoxe na Coruña unha xornada sobre a prevención do risco por exposición ao pó de sílice. O obxectivo da xornada é dar a coñecer toda a problemática que supón, dende o punto de vista dunha exposición laboral, a manipulación de pedra natural e dos compactos de cuarzo.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou esta xornada e indicou que o instituto incluíu desde 2011 nos seus plans anuais de actuación un programa de prevención do risco por sílice na transformación de pedra natural e nos traballos con compactos de cuarzo, que inclúe o asesoramento e a comprobación das condicións de traballo nos talleres e marmorerías que se dedican ao corte, tallado e rematado da pedra, incluíndo os aglomerados de cuarzo.
O número total de visitas de comprobación efectuadas ata setembro deste ano foi de 263, e realizáronse en moitos casos en colaboración coa Inspección de Traballo.
A exposición á sílice segue sendo un grave perigo para moitos traballadores, dado que pode causar silicose, que nos seus aspectos máis severos pode resultar na minusvalía ou a morte, e que non ten cura. A silicose asóciase clasicamente as actividades como a minaría ou a explotación de canteiras de granito, e o ISSGA realiza periodicamente estudos técnico-hixiénicos de exposición a sílice nas canteiras de lousa e granito de Galicia.