Novas

Venres, Xuño 28, 2013

O ISSGA organiza unha xornada en Pontevedra sobre prevención de riscos laborais no sector forestal

  • A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou a xornada e indicou que este sector é moi importante para a economía galega, ademais de que a industria de transformación da madeira proporciona emprego a máis de 22.700 traballadores.
  • Este programa encádrase no marco do Plan de Actividades do Instituto para 2013 que comezou no 2012 co obxectivo reducir a sinistralidade laboral no sector, determinar a tipoloxía dos accidentes máis frecuentes e as súas causas e asesorar sobre as medidas correctoras axeitadas.
Pontevedra, 28 de xuño de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organizou hoxe en Pontevedra unha xornada sobre a prevención de riscos laborais no sector forestal.
 
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, inaugurou a xornada e indicou que este sector é moi importante para a economía galega, ademais de que a industria de transformación da madeira proporciona emprego a máis de 22.700 traballadores. Así mesmo apuntou que as operacións que se realizan na actividade forestal son moi variadas e os riscos tamén son moi dispares.
 
As tarefas vense influenciadas polas condicións de grande dificultade nas que se desenvolven: ao aire libre, realízanse en contornas de montaña, explotacións dispersas e afastadas, orografía do lugar e a climatoloxía. A utilización de ferramenta e maquinaria forestal ten gran influencia na accidentabilidade, por iso débense coñecer as características da maquinaria portátil e forestal utilizadas e as normas de seguridade específicas que hai que seguir no manexo e utilización.
 
Determinados traballos forestais demandan un esforzo físico elevado, con manexo de cargas e movemento de elementos pesados, por exemplo as tarefas de tala ou apeo das árbores en terreos irregulares e en posicións forzadas, que ocasionan fatiga e cansazo muscular e pode causar accidentes ou enfermidades de tipo muscular ou osteoarticular.
 
Nos riscos físicos, o ruído e as vibracións son os máis destacados, tanto na utilización de maquinaria como na condución de vehículos; os ruídos soen superar os valores límite permitidos, polo que é importante diminuír a exposición do traballador, informar dos efectos da súa exposición, comprobar que a maquinaria posúe sistemas de atenuación, ademais de facer pausas suficientes e evitar longas xornadas de traballo.
 
En canto aos riscos químicos, a exposición a praguicidas, herbicidas, funxicidas e incluso combustibles ou aceites son os máis destacados, polo que se recomenda seleccionar axeitadamente os produtos menos perigosos para a saúde, informar dos seus riscos, ter en conta as medidas de almacenamento, transporte e manipulación ou non comer nin beber cando se estean a utilizar, entre outros.
Este programa encádrase no marco do Plan de Actividades do Instituto para 2013 que comezou no 2012 co obxectivo reducir a sinistralidade laboral no sector, determinar a tipoloxía dos accidentes máis frecuentes e as súas causas e asesorar sobre as medidas correctoras axeitadas.
 
O mesmo continuará durante este ano mantendo o asesoramento ás empresas deste sector de maior taxa de sinistralidade, continuando a campaña informativa específica nesta materia e elaborando material divulgativo e informativo, que estará dispoñible na web do Instituto.

Entres ditas accións destaca unha presentada tamén hoxe no marco desta xornada e que consiste nunha folla de prevención sobre a motoserra. Este documento ten como obxectivo poñer en coñecemento as condicións que se deben ter en conta na elección dunha motoserra, os distintos elementos de seguridade da máquina, os riscos que existen no seu emprego e as medidas de prevención e protección existentes.

 
Doutra banda e tamén no marco da prevención de riscos laborais, as visitas dos técnicos do ISSGA a empresas do sector permite, ademais de determinar a tipoloxía dos accidentes máis frecuentes e as súas causas, manter contacto coas asociacións e empresas para facer un seguimento continuo, e elaborar un cuestionario de actuación para protocolizar o procedemento das devanditas actuacións técnicas. No ano 2012 desenvolvéronse 45 actuacións deste tipo, e no ano 2013 contabilizáronse 16 visitas a empresas.