Novas

Martes, Outubro 07, 2014

O ISSGA organiza unha xornada en Lugo para a avaliación do acoso laboral e a xestión de conflitos interpersoais

  • O ISSGA inclúe entre as accións do seu ‘Plan de actividades 2014’ a redución dos riscos psicosociais no traballo mediante ferramentas como a formación, información e concienciación
  • Ademais desta xornada formativa, hoxe pola tarde e mañá levarase a cabo un curso de formación interna sobre a ‘Prevención de riscos psicosociais. Identificación e avaliación
  • Este ano comezou en abril a nova campaña da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, ‘Traballos Saudables 2014-2015’ que trata sobre a ‘Xestión do estrés e dos riscos psicosociais no traballo’

 

Lugo, 7 de outubro de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organiza hoxe en Lugo unha xornada técnica titulada ‘Acoso laboral: conceptos e avaliación’, que se enmarca dentro da oferta formativa do Instituto para este ano, e que se centra na avaliación do acoso laboral e a xestión de conflitos interpersoais.

Esta xornada realízase en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en base a un acordo marco de colaboración para a promoción e colaboración en actuacións de seguridade e saúde no traballo como unha das liñas de actuación conxunta programadas para o ano 2014.

Segundo os datos da VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo, un 11% dos traballadores declara ter sufrido algunha conduta violenta. Entre as máis frecuentes, a de ter estado expostos as agresións verbais, rumores ou illamento social, moi relacionadas co acoso laboral.

Conforme a enquisa, estes traballadores e traballadoras refiren queixas por dor de cabeza, problemas para conciliar o sono e estrés, ansiedade ou nerviosismo nunha proporción significativamente maior fronte aos traballadores que din non estar expostos. Ademais de xerar danos sobre a saúde dos traballadores, este risco psicosocial tamén desestrutura o ambiente de traballo; por iso, o acoso, ten un alto potencial de danar a saúde colectiva, impactando negativamente sobre a produtividade e xerando unha degradación do clima laboral.

O ISSGA inclúe entre as accións do seu ‘Plan de actividades 2014’ a redución dos riscos psicosociais no traballo mediante ferramentas como a formación, información e concienciación. Ademais desta xornada formativa, hoxe pola tarde e mañá levarase a cabo un curso de formación interna sobre a ‘Prevención de riscos psicosociais. Identificación e avaliación’, que é a continuación doutro que se fixo no pasado mes de marzo no centro do ISSGA da Coruña, para actualizar e afondar os coñecementos do persoal técnico do Instituto.

Así mesmo, cómpre lembrar que este ano comezou en abril a nova campaña da Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, ‘Traballos Saudables 2014-2015’ que trata sobre a ‘Xestión do estres e dos riscos psicosociais no traballo’.