Novas

Venres, Xuño 21, 2013

O ISSGA organiza unha xornada de prevención de riscos laborais en recintos con aberturas limitadas e ventilación desfavorable

  • Esta iniciativa forma parte da oferta formativa do Instituto para este ano 2013, e vén a complementar as xa realizadas nos centros de Lugo e A Coruña, tendo como obxectivo informar a empresarios, traballadores e técnicos en prevención sobre os perigos que se poden atopar
  • Este tipo de espazos poden presentar riscos relacionados non soamente coa asfixia, senón tamén con riscos biolóxicos, intoxicacións ou con incendios e atmosferas explosivas, temas nos que o ISSGA vén incidindo tamén nos últimos tempos nas súas xornadas técnicas

 

 

Ourense, 21 de xuño de 2013.- O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organiza hoxe no seu centro de Ourense unha xornada sobre a prevención de riscos laborais en espazos o recintos con aberturas limitadas de entrada e saída e ventilación natural desfavorable, nos que poden acumularse contaminantes tóxicos ou inflamables ou pode haber unha atmosfera deficiente en osíxeno, e que non están pensados para a súa ocupación continuada polos traballadores. Trátase dos denominados espazos confinados e dos seus riscos.

Esta iniciativa forma parte da oferta formativa do Instituto para este ano 2013, e vén a complementar as xa realizadas nos centros de Lugo e A Coruña, tendo como obxectivo informar a empresarios, traballadores e técnicos en prevención sobre os perigos que se poden atopar e as medidas idóneas que se teñen que poñer en práctica na prevención de riscos laborais cando se realizan traballos en recintos ou espazos confinados, nun marco de sensibilización que axude a evitar os accidentes laborais neste tipo de traballos.

Os traballos que se desenvolven en espazos confinados debemos consideralos como actividades perigosas ou de risco especial de cara á avaliación de riscos, á planificación da prevención e á formación dos distintos traballadores que interveñan. Un dos aspectos fundamentais é que, en caso de sinistro, a persoa que se atopa no interior do espazo confinado deberá poder ser socorrida, e así deberá establecerse no procedemento de traballo que exista ao efecto. Estas medidas de emerxencia deberán estar no só previstas, senón tamén implantadas na empresa.

Os espazos confinados pódense atopar nun amplo abano de actividades produtivas que van dende a agricultura ate a industria extractiva, pasando polos sectores da construción e as obras públicas ou o naval, que forman unha parte moi importante da actividade produtiva de Galicia.

Este tipo de espazos poden presentar riscos relacionados non soamente coa asfixia, senón tamén con riscos biolóxicos, intoxicacións ou con incendios e atmosferas explosivas, temas nos que o ISSGA vén incidindo tamén nos últimos tempos nas súas xornadas técnicas.

Ademais tamén poden presentar riscos xenéricos, como riscos mecánicos, de electrocución, de caídas a distinto nivel, de caídas de obxectos, malas posturas, ambiente físico agresivo, fatiga ou riscos derivados da comunicación interior-exterior, entre outros, que deben ser abordados como aspectos preventivos a considerar neste tipo de traballos.

Como remate á xornada farase unha práctica de medición de atmosfera en pozo e un simulacro de rescate de accidentado, con técnicas de acceso e posicionamento mediante cordas.