Xoves, Xuño 18, 2026
O Issga organiza un webinar sobre a integración da perspectiva de xénero na ergonomía laboral
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou hoxe unha xornada técnica en formato webinar sobre a integración da perspectiva de xénero na ergonomía laboral, organizada en colaboración con MC MUTUAL .
A sesión contou coa participación de Vanessa Puig Aventín, especialista en ergonomía e prevención de riscos laborais, quen abordou a importancia de incorporar a perspectiva de xénero nas avaliacións ergonómicas e na planificación preventiva das organizacións, co obxectivo de avanzar cara a contornas de traballo máis seguras, inclusivas e adaptadas á diversidade das persoas traballadoras.
Durante a xornada analizouse como a consideración das diferenzas antropométricas, fisiolóxicas e organizativas entre mulleres e homes permite mellorar a identificación dos riscos ergonómicos e deseñar medidas preventivas máis eficaces. Neste sentido, púxose de relevo a importancia de ter en conta aspectos como a distribución das tarefas, a carga física e mental, a segregación ocupacional, a dobre presenza ou o uso de datos desagregados por sexo nas avaliacións preventivas.
O webinar tamén afondou na adaptación dos postos de traballo, equipamentos e ferramentas, así como na prevención de riscos asociados á manipulación manual de cargas, movementos repetitivos ou posturas forzadas, destacando a necesidade de desenvolver solucións que respondan á realidade diversa da poboación traballadora.
Esta acción formativa enmárcase nas actuacións impulsadas polo Issga para reforzar o coñecemento técnico e promover a actualización permanente dos profesionais da prevención de riscos laborais, en liña coas prioridades da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027.