Venres, Abril 26, 2013
O ISSGA organiza na Coruña un curso sobre a carga física como principal risco de danos profesionais
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurará esta xornada na que se expoñerán datos sobre os danos profesionais derivados do risco da carga física asociada ao traballo
- Ademais, o ISSGA e o Instituto Valenciano de Seguridade e Saúde no Traballo (INVASSAT) explicarán os seus programas e actividades na área de ergonomía sobre o estudo e a abordaxe preventiva dos trastornos musculoesqueléticos
- Este domingo celébrase o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo e este ano o tema de atención céntrase na “Prevención das Enfermidades Profesionais"
A Coruña, 26 de abril de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organiza hoxe na Coruña un curso sobre a carga física como principal risco de danos profesionais.
Na xornada, que clausurará a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, expoñeranse datos sobre os danos profesionais derivados do risco da carga física asociada ao traballo. Tamén se abordarán as metodoloxías para valorar, desde a ergonomía e biomecánica, os factores de risco implicados neste tipo de lesións para establecer pautas preventivas desde a área de ergonomía e o seu seguimento na vixilancia da saúde laboral.
Ademais, o ISSGA e o Instituto Valenciano de Seguridade e Saúde no Traballo (INVASSAT), explicarán os seus programas e actividades na área de ergonomía sobre o estudo e a abordaxe preventiva dos trastornos musculoesqueléticos.
Este domingo celébrase o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo e este ano o tema de atención céntrase na “Prevención das Enfermidades Profesionais" cunha mención especial ao grupo de enfermidades profesionais máis frecuentes: os trastornos musculoesqueléticos (TME).
Nos 27 estados membros da UE, os TME son os trastornos de saúde relacionados co traballo máis comúns. Os TME, incluída a síndrome do túnel carpiano, representaron o 59 por cento de todas as enfermidades profesionais recoñecidas que abranguían as estatísticas europeas sobre enfermidades profesionais en 2005. A Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalou que, en 2009, máis do 10 por cento de todos os anos perdidos por discapacidade correspondían a casos de TME.
Os trastornos musculoesqueléticos en España encóntranse entre os problemas máis importantes de saúde no traballo, tanto nos países desenvolvidos coma nos que están en vías de desenvolvemento. Afectan á calidade de vida da maioría das persoas durante toda a súa vida, e o seu custo anual é grande.
A maior parte das enfermidades musculoesqueléticas producen molestias ou dor local e restrición da mobilidade, que poden obstaculizar o rendemento normal no traballo ou noutras tarefas da vida diaria. Trátase dun problema laboral que require dunha análise profunda e que debe ser estudado desde a área de ergonomía e medicina do traballo e nesta xornada intentarase dar evidencias da situación en Galicia, os programas que se están a desenvolver e a súa abordaxe desde a ergonomía e o estudo biomecánico.