Mércores, Outubro 17, 2012
O ISSGA organiza en Vigo unha xornada de prevención de riscos laborais aplicada á construción
Vigo, 17 de outubro de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e Asociación Profesional de Técnicos en Seguridade Laboral de Galicia (APROSAL) organizaron hoxe en Vigo unha xornada de prevención de riscos laborais aplicada á construción.
Esta actividade está dirixida a técnicos de prevención de riscos laborais, tanto dos servizos de prevención, coma das sociedades de prevención das mutuas, das empresas construtoras, asociacións empresariais e representantes dos traballadores. Tamén se dirixe a coordinadores de seguridade e directores de obras dos distintos colexios profesionais que interveñen no sector e, en xeral, a todos aqueles que poidan ter relación coa prevención no sector da construción.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na inauguración desta iniciativa e lembrou que o instituto organizou recentemente en Ourense unha importante xornada técnica para o sector da construción.
Esta acción formativa enmárcase dento da colaboración con institucións e entidades no eido da seguridade no traballo, coas que o ISSGA está a realizar accións informativas e formativas para dar resposta a novidades técnicas e normativas.
No Plan de Actividades do ISSGA para o ano 2012, inclúense tamén outras accións encamiñadas á redución da sinistralidade na construción, sector de alto risco pola súa perigosidade, tales como o Plan de Grandes Obras, que comprende visitas coordinadas coa inspección de traballo e seguridade social; o programa de obras singulares; o programa de loita contra a sinistralidade absoluta e recorrente; ou actuacións relacionadas cos traballos con amianto.
A sinistralidade laboral no sector da construción descendeu un 35,81% nos primeiros nove meses do ano, ao pasar dun total de 4.473 accidentes nos primeiros nove meses de 2011 ata 2.871 no mesmo período de 2012.