Novas

Venres, Novembro 28, 2025

O ISSGA organiza en Redondela unha xornada sobre Incendios en sistemas fotovoltaicos e baterías.

imaxe xornada incendios paneis solares

Rande-Redondela, 28 de novembro de 2025

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) celebrou  en Rande-Redondela unha xornada centrada na seguridade e saúde vinculada ás instalacións fotovoltaicas, nun momento no que o auxe das enerxías renovables está a transformar o panorama laboral e doméstico.

No encontro abordáronse os principais riscos asociados ao ciclo de vida das instalacións fotovoltaicas—desde o deseño e a instalación ata o mantemento e a explotación—, así como a súa interacción con sistemas de almacenamento eléctrico e e de almacenamento de enerxía.

Tratáronse cuestións como os riscos eléctricos, mecánicos, de incendio e estruturais, así como os desafíos emerxentes vinculados ás novas tecnoloxías de almacenamento, mobilidade eléctrica e automatización industrial. E tamén se destacou a importancia da formación, a coordinación de actividades empresariais e a avaliación de riscos tanto en contornas laborais como no ámbito privado, onde cada vez son máis frecuentes as instalacións fotovoltaicas residenciais.

A xornada reforzou ademais a campaña do ISSGA sobre paneis solares en cubertas, que busca sensibilizar sobre o risco de caída en altura durante a instalación e mantemento destes sistemas e achega recomendacións preventivas para reducir a sinistralidade laboral.

A xornada que contou cun enorme éxito de participación,  enmárcase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia – Horizonte 2027 e no Plan de actuación do ISSGA, que incorporan os retos da transición climática e tecnolóxica.