Novas

Martes, Abril 30, 2013

O ISSGA organiza en Lugo unha xornada sobre o manexo de accesorios de elevación de cargas

  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) presentará durante esta xornada dúas das tres follas de prevención sobre os accesorios de elevación de cargas que ten previsto publicar durante este ano
  • A manipulación de cargas coa utilización de equipos de elevación, e a posibilidade de se soltar de forma accidental, pon en risco directa ou indirectamente a seguridade e a saúde daquelas persoas que están dentro da zona de perigo
  • Entre os erros máis habituais que poden darse con estes equipos de traballo obsérvanse os debidos á elección incorrecta da carga máxima de utilización e das especificacións técnicas dos accesorio de elevación

Lugo, 30 de abril de 2013.- O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organiza hoxe en Lugo unha xornada sobre o manexo de accesorios de elevación de cargas.

Nesta xornada técnica pretendese abordar todos estes aspectos desde un enfoque práctico e transversal da seguridade na utilización dos útiles ou accesorios de elevación tendo en conta ademais os criterios e modelos de referencia sobre procedementos de elección, comprobacións periódicas, o mantemento axeitado e outros aspectos a ter en conta cando se adoita a decisión empresarial de empregar accesorios de elevación de fabricación propia.

Así mesmo, o ISSGA presentará durante esta xornada dúas das tres follas de prevención sobre os accesorios de elevación de cargas que ten previsto publicar durante este ano, en colaboración con Ramón Rodríguez Roel, técnico de Fremap, que tamén participa como relator nesta xornada.

Na primeira folla de prevención indícanse os conceptos, referencias normativas e aspectos máis destacados para as comprobacións e revisións a efectuar aos accesorios de elevación de cargas, mentres que na segunda se indican os apartados máis importantes que temos que ter en conta á hora de elaborar un procedemento de seguridade.

A manipulación de cargas coa utilización de equipos de elevación, e a posibilidade de se soltar de forma accidental, pon en risco directa ou indirectamente a seguridade e a saúde daquelas persoas que están dentro da zona de perigo.

O empresario está obrigado a poñer a disposición dos traballadores os accesorios de elevación de cargas axeitados para o traballo que deba realizarse, de modo que a súa utilización garanta a súa seguridade e a súa saúde.

Entre os erros máis habituais que poden darse con estes equipos de traballo obsérvanse os debidos á elección incorrecta da carga máxima de utilización e das especificacións técnicas dos accesorio de elevación. A selección dos accesorios de elevación está condicionada polo tipo de cargas que se manipule, os puntos de prensión, as condicións atmosféricas e a modalidade de amarre.

De igual xeito, unha dificultade coa que se atopan os usuarios e o persoal encargado da xestión, mantemento, avaliación e utilización dos útiles de elevación é a terminoloxía utilizada e a normativa de referencia destes equipos.

Todos os accesorios de elevación, incluídos os de fabricación propia, deben estar marcados coa capacidade máxima de utilización e deben dispoñer de manual de instrucións.

O mantemento e revisións periódicas dos accesorios de elevación debe ser realizado por persoal competente, procedendo a documentar os resultados e a conservalos durante toda a vida útil destes equipos. A devandita documentación terá que estar sempre a disposición dos traballadores e da autoridade laboral competente.