Novas

Mércores, Setembro 27, 2017

O ISSGA organiza en Lugo e Ourense unha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais en caídas de altura

  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolve este curso formativo para avaliar a xestión deste risco laboral e a utilización de ferramentas multimedia de cara a mellorar a súa prevención
  • A iniciativa, á que se prevé que asistan máis de 100 profesionais, diríxese tanto a empresarios como a traballadores e a técnicos en prevención de riscos
  • A actuación forma parte da Estratexia galega de seguridade e saúde laboral 2017/2020, unha planificación consensuada cos interlocutores sociais que inclúe 163 medidas para a loita contra a sinistralidade

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), e coa colaboración de Asepeyo, organiza unha xornada técnica, hoxe no centro provincial do Instituto en Lugo e mañas no de Ourense, na que se abordarán os riscos laborais por caídas de altura, tanto si se producen a escasa ou gran altura.

Neste curso formativo avaliaranse a xestión do risco de caídas de altura en canto aos ámbitos en que se pode producir e a utilización de ferramentas multimedia de cara a mellorar a súa prevención. O que se pretende é chamar a atención sobre este risco nos distintos sectores de actividade, mais aló da construción, así coma tamén sobre os medios auxiliares e de protección individual que se empregan nos distintos traballos e operacións, reforzando a idea de que a xestión do riscos debe abordarse xa desde o deseño das instalacións dos procesos, das operacións ou traballos, antes de comezar a levalos a cabo.

A iniciativa, á que se prevé a asistencia de máis de 100 profesionais, está enfocada a todos os sectores en xeral que poidan ser susceptibles de padecer risco de caída de altura durante o desenvolvemento das súas actividades. A xornada técnica diríxese tanto a empresarios, como a traballadores, a profesionais da prevención de riscos laborais, responsables de mantemento e produción de empresas, a técnicos e aos seus colexios profesionais, así coma aos axentes sociais e a outros profesionais relacionados coa prevención.

Na xornada exporase que evitar as caídas de altura require do compromiso efectivo da dirección da empresa, pero tamén do convencemento e implicación dos mandos intermedios, xa que deles depende que se consigan implantar as medidas preventivas e que os traballadores desenvolvan unha conciencia preventiva fronte a este risco.

Esta actuación forma parte da Estratexia galega de seguridade e saúde laboral 2017/2020, unha folla de ruta da Xunta, consensuada cos interlocutores sociais, que inclúe 163 medidas para a loita contra a sinistralidade.