Novas

Luns, Novembro 04, 2013

O ISSGA organiza 43 cursos de prevención de riscos para o sector agrario e forestal por toda Galicia

  • O obxectivo é proporcionar unha formación específica aos traballadores e profesionais do sector sobre os riscos inherentes a estas actividades
  • Inclúese unha parte práctica de campo, para os cursos de manexo de tractor e de motoserra
  • En concreto, haberá cinco especialidades: manexo de maquinaria agrícola, manexo de maquinaria forestal, pequenas explotacións agrícolas, explotacións agrogandeiras, e adegas e tarefas vitivinícolas
  • Estes cursos complétanse co desenvolvemento de accións formativas como obradoiros e xornadas técnicas, así como a elaboración de materiais divulgativos, como follas e fichas de prevención

 

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a organizar este ano 43 cursos de prevención de riscos para o sector agrario e forestal que terán lugar en outros tantos concellos de toda Galicia, dos que 39 faranse de maneira presencial e os outros catro en liña.

O obxectivo pasa por proporcionar unha formación específica aos traballadores e profesionais do sector sobre os riscos inherentes a estas actividades, coa finalidade de fomentar a adquisición de habilidades, así como dunha cultura preventiva, e diminuír os accidentes laborais nestes sectores.

Inclúese unha parte práctica de campo, para os cursos de manexo de tractor e de motoserra. Todos incorporan unha exposición xeral de conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, e unha parte final de primeiros auxilios. Ademais, cada un dos cursos explica detalladamente aqueles riscos e as medidas preventivas que se deben adoptar naquelas actividades cotiás do agro.

En concreto, haberá cinco especialidades: manexo de maquinaria agrícola, manexo de maquinaria forestal, pequenas explotacións agrícolas, explotacións agrogandeiras, e adegas e tarefas vitivinícolas.

O sector agrario en Galicia ten unha gran importancia económica e estrutural e o seu aproveitamento pode ser unha vía para fixar a poboación no medio rural.

Sen embargo, dito traballo conta con numerosos perigos como atropelos, atrapamentos na toma de forza dos tractores, riscos derivados do uso indebido de fitosanitarios, incendios, sobreesforzos por agarres incorrectos, vibracións, ruídos, cortes, golpes ou proxeccións de partículas no uso das rozadoiras.

Para atallalos é necesario planificar os traballos, definir os procedementos, coñecer as indicacións recollidas nos manuais de instrucións da maquinaria e dos produtos, empregar os equipos de protección, respectar as distancias de seguridade e realizar os mantementos da maquinaria en condicións de seguridade.

Estes cursos complétanse co desenvolvemento de accións formativas como obradoiros e xornadas técnicas, así como a elaboración de materiais divulgativos, como follas e fichas de prevención.