Novas

Xoves, Abril 27, 2023

O ISSGA ofrece formación sobre novos riscos laborais que afectan aos traballos de instalación e mantemento de paneis solares

  • O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) celebrou hoxe unha xornada co foco posto nesta actividade en auxe, no marco dos actos de conmemoración do Día mundial da seguridade e a saúde no traballo
  • Na clausura da xornada, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, incidiu na prevención das caídas en altura tanto nas firmas fabricantes como instaladoras

Redondela (Pontevedra), 27 de abril de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe a xornada Seguridade na instalación e mantemento de paneis solares organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) no marco da conmemoración, mañá, do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo. No acto destacou a necesidade de enfrontar de xeito decidido os riscos nas novas ocupacións e aportar as pautas para protexer ás persoas traballadoras.

Coa xornada técnica hoxe celebrada nas dependencias do Issga en Pontevedra, situadas en Redondela, incidiu Mancha na necesidade de “concienciar sobre a adopción das medidas de seguridade para evitar as caídas de altura tanto durante a instalación como durante a fase de mantemento de paneis solares en cubertas”.

“É importante insistir na correcta aplicación da lexislación en prevención de riscos laborais por parte das empresas que están realizando estes traballos”, remarcou a directora xeral, quen puxo en valor sesións como a de hoxe que poñen o acento tanto nas empresas  fabricantes como nas que se ocupan da instalación.

A xornada de hoxe dirixiuse ás empresas instaladoras, ás que reciben os paneis solares e a servizos de prevención e delegados de prevención, representantes sindicais, asesorías e mutuas colaboradoras, así como proxectistas e persoas responsables da coordinación de seguridade e saúde laboral.