Venres, Marzo 18, 2011
O Issga ofertará a través do Plan Ferrol 150 prazas en dous cursos de formación de prevención de riscos laborais
- O obxectivo principal é que os alumnos aprendan a detectar, evitar, corrixir e previr problemas que poidan poñer en perigo a saúde e a integridade persoal dos traballadores
- As accións formativas están abertas a todo tipo de público, tanto a traballadores deste ámbito como a aquelas persoas interesadas na seguridade na empresa
A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Plan Ferrol, que impulsa e coordina o Goberno galego, impartirá entre este mes de marzo e o de abril dous cursos básicos de formación en prevención de riscos laborais que contarán cun total de 75 prazas cada un.
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, e o director do Plan Ferrol, Alejandro Langtry, presentaron xunto con representantes da Asociación Impulsora do Plan Ferrol, os pormenores destas accións formativas, dirixidas a todo tipo de público.
Así, poderán participar tanto traballadores en xeral como aqueles designados para realizar funcións preventivas de nivel básico na empresa e os que necesiten no seu ámbito profesional posuír coñecementos en prevención de riscos. E, ademais, os cursos están abertos a todas aquelas persoas interesadas no ámbito da seguridade e a prevención de riscos na empresa.
Os interesados en asistir a estes cursos poderán presentar a súa inscrición na Asociación do Plan Ferrol.
“O obxectivo que buscamos no ISSGA é que os alumnos adquiran coñecementos básicos para poder detectar, evitar, corrixir e previr os problemas que poidan poñer en perigo a saúde e a integridade persoal dos traballadores”, destacou a directora do Instituto.
Nos cursos, de 60 horas lectivas cada un, abordaranse, entre outras materias, as leis e normas en materia de prevención de riscos laborais; os plans de actuación, técnicas preventivas e de primeiros auxilios para superar con éxito as situacións de perigo; diferentes técnicas de detección e avaliación de riscos; fórmulas para organizar a prevención nunha empresa; e as responsabilidades da empresa en materia de prevención.
As accións formativas contarán con formación presencial en Ferrol- 20 horas en xornadas de 5 horas cada unha- e con teleformación -40 horas-.
Unha vez rematado o curso, os alumnos terán que realizar unha avaliación final co obxectivo de medir os seus coñecementos. Os que superen as distintas probas obterán un diploma acreditativo.