Venres, Xuño 11, 2010
O ISSGA, Medio Rural e sindicatos agrarios asinan un convenio para a prevención de riscos laborais no agro galego
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, asinou hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), adscrito á Consellería de Traballo e Benestar, e as organizacións Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias-Upa e Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas, en materia de prevención de riscos laborais no agro galego.
Mediante este acordo establécese unha estratexia común para a difusión de boas prácticas na seguridade e saúde dos traballadores do sector agro forestal da nosa Comunidade. Deste xeito, márcanse canles de colaboración para o desenvolvemento de actividades de información, formación e vixilancia da saúde, co fin de mellorar as condicións de traballo neste eido.
Este convenio contempla diferentes accións, vencelladas aos obxectivos do Plan de Actividades 2010 do ISSGA en accións dirixidas ao sector do agro e especialmente aos autónomos: formación dirixida aos técnicos de prevención de riscos laborais das organizacións sindicais, mediante cursos sectoriais que serán impartidos por profesores de capacitación agraria dos Centros de Formación e Experimentación Agroforestal da Consellería do Medio Rural e co asesoramento técnico do Issga; a homologación das organizacións sindicais como entidades colaboradoras para impartir formación no eido da prevención de riscos laborais e a realización de actuacións de vixilancia da saúde por parte do Issga aos traballadores das actividades do agro, da gandería e do sector forestal polos riscos aos que están expostos, de xeito especial nas actividades desenvolvidas maioritariamente por mulleres.
Asinantes
Na sinatura deste convenio estiveron presentes, ademais do conselleiro do Medio Rural; a directora do Issga, Adela Quinzá-Torroja; o vicepresidente de Xóvenes Agricultores, Manuel Fontela Ríos, o secretario xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García e a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, Carmen Freire. A duración deste acordo marco será de catro anos, podendo ser prorrogado por períodos de igual duración en sucesivos plans estratéxicos da Consellería do Medio Rural e do Issga.
Menos accidentes
O número de accidentes con baixa en xornada laboral, no ámbito agrario, diminuíu no primeiro cuadrimestre deste ano con respecto ao 2009, baixando un 2% en toda Galicia. Se analizamos os datos por provincias, en Lugo reducíronse un 9% este tipo de accidentes, en Ourense un 3% e Pontevedra un 6%. Unicamente na provincia da Coruña estas cifras aumentaron nun 7%.