Venres, Xuño 06, 2025
O ISSGA lanza unha campaña de prevención para concienciar sobre os riscos do manexo do tractor.
San Xurxo de Vea (A Coruña), 6 de xuño de 2025
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, presentou na unidade móbil da ITV situada en San Xurxo de Vea a campaña Prevención de riscos no manexo do tractor para alertar e concienciar sobre os riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, divulgar as causas máis frecuentes dos sinistros e ofrecer pautas para previr ou reducir este tipo de accidentes.
A campaña xorde da necesidade de concienciar á poboación galega sobre os perigos do uso do tractor e sensibilizar para que incorporen no seu día a día a prevención de riscos e así evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas.
En colaboración coa ITV distribuiranse folletos en galego e castelán elaborados polo Issga nas unidades móbiles e puntos fixos da ITV e nos concellos, co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles e aquelas que teñan relación coa utilización do tractor no campo galego.
A documentación elaborada polo Issga pon o foco en áreas como a importancia do cumprimento das normas de tráfico e da seguridade viaria, a protección da toma de forza ou medidas fronte ao envorco.
Compromiso institucional coa seguridade e a saúde no traballo
A campaña englóbase no marco das actuacións da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e é unha das liñas de actuación recollidas no plan de actuación do Issga para 2025: realizar campañas de sensibilización sobre o manexo seguro de maquinaria agrícola, especialmente en relación co manexo seguro do tractor e a seguridade viaria.