Venres, Xaneiro 20, 2012
O ISSGA lanza un programa de 72 actuacións para facer fronte á sinistralidade laboral en Galicia ao longo do 2012
• A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe o Plan de Actividades para 2012, á vez que informou dos accidentes laborais que tiveron lugar no 2011.
• O Plan conta con seis eixos e inclúe iniciativas novidosas como a posta en marcha do programa forestal, a análise da sinistralidade laboral en profesións feminizadas, ou a posta en marcha do mapa das enfermidades profesionais, entre outras.
• A sinistralidade laboral en Galicia reduciuse nun 15,61% en 2011, ao rexistrar un total de 31.149 accidentes con baixa en xornada laboral, 5.763 menos que no 2010.
Santiago, 20 de xaneiro de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) ven de lanzar un programa articulado en seis eixos que inclúe 72 actuacións nas distintas especialidades preventivas (seguridade, hixiene, ergonomía e psicoloxía, e medicina no traballo) dirixidas a facer fronte á sinistralidade laboral en Galicia ao longo deste ano.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe en rolda de prensa o Plan de Actividades do instituto para 2012, á vez que informou dos accidentes laborais que tiveron lugar no 2011.
O plan conta con seis eixos: xestión de procesos para o desenvolvemento de actuacións de carácter interno; observatorio galego de condicións de traballo, que obtén, procesa e difunde información así como publica os datos estatísticos e o coñecemento xerado; xestión da sinistralidade; accións de colaboración e asesoramento técnico; programas de redución, e formación, difusión e sensibilización.
Segundo explicou Adela Quinzá-Torroja, entre as actividades que se desenvolverán no 2012 cómpre salientar varias iniciativas novidosas como a posta en marcha do programa forestal, a análise da sinistralidade laboral en profesións feminizadas; a posta en marcha do mapa das enfermidades profesionais; a participación na Plataforma Técnica de Saúde Laboral para a declaración de sospeitas de enfermidades profesionais; o desenvolvemento de estudos epidemiolóxicos de redeiras; o estudo das causas dos accidentes graves e mortais en Galicia; o a formación para a administración local.
A creación do programa específico para o sector forestal xustifícase pola súa importancia económica e social, e tamén polas súas taxas de sinistralidade. Os obxectivos a acadar no ano 2012 son o de prestar asesoramento as empresas de maior sinistralidade; desenvolver unha campaña informativa específica en materias relacionadas coa prevención de riscos laborais; engadir contidos específicos en actividades formativas para docentes, no marco do acordo de colaboración suscrito coa Consellería de Medio Rural e os sindicatos agrarios; e elaborar material divulgativo e informativo.
Ademais, a directora do ISSGA indicou que existe unha clara segmentación pola variable de xénero no mercado de traballo, tanto no referido ao sector de actividade como ás ocupacións das mulleres e homes dentro do mesmo sector, o que determina que as cifras de sinistralidade e os tipos de danos sexan diferentes entre ambos sexos.
No ano 2012, os obxectivos que se definen neste eido son a extracción e tratamento dos datos de accidentes de traballo e enfermidades profesionais en profesións feminizadas, seleccionadas pola importancia cuantitativa e a porcentaxe de mulleres traballadoras; a análise estatística e agrupación polas variables máis significativas; e a elaboración do documento correspondente que se publicará na web.
MAPA DE ENFERMIDADES PROFESIONAIS
O ISSGA desenvolverá ao longo do 2012 o mapa das enfermidades profesionais co obxectivo de estudar o seu perfil de declaración e as tendencias temporais e espaciais na poboación asalariada de Galicia nos últimos anos, desde a creación do Instituto.
Quinzá-Torroja explicou que “os obxectivos de 2012 pasan por coñecer a incidencia de enfermidade profesional declarada na poboación galega ocupada, a evolución temporal da mesma e a súa distribución territorial, analizándoa cos indicadores demográficos e laborais: grupo e axente segundo sexo, idade, provincia, actividade económica, e localidade do centro de traballo”.
Ademais, no marco da colaboración e asesoramento coa autoridade sanitaria, nos casos de sospeita de enfermidade profesional o ISSGA participará na Plataforma técnica de Saúde Laboral da Autoridade Sanitaria, para o deseño do procedemento de declaración de sospeita e para dar apoio á súa Unidade Central de Saúde Laboral na mellora e avaliación continua do procedemento.
En canto aos estudos epidemiolóxicos de redeiras, a directora do ISSGA apuntou que as características do sector permiten a realización dun estudo epidemiolóxico que inclúa unha mostra moi significativa, de arredor do 30% do total, de carácter similar ao xa realizado coas mariscadoras, mediante o que se fixeron recoñecementos médicos a máis de 1.000 profesionais ao longo de 2011.
Os obxectivos definidos son o de coñecer o estado de saúde do colectivo e obter información sobre os factores de risco laboral ligados a súa actividade laboral; propoñer, no seu caso, medidas preventivas e de boas prácticas para reducir ditos riscos ou os seus efectos sobre a saúde dos traballadores; e establecer os contactos necesarios, programar e realizar as análises e recoñecementos pertinentes.
Sobre o estudo das causas dos accidentes graves e mortais de Galicia, Adela Quinzá-Torroja sostivo que a redución sostida da sinistralidade laboral, especialmente a que xera accidentes de graves consecuencias, é un dos obxectivos prioritarios das políticas de seguridade e saúde no traballo.
Así, en 2011 iniciouse a recollida sistematizada e a organización deste datos, que permitirá unha primeira aproximación ao estudo cualitativo causal, e establecer unha gradación das máis habituais, así como a clasificación dos tipos de accidentes graves e mortais máis frecuentes, sobre a base das investigacións realizadas.
Doutra banda, o Instituto presta especial atención á formación en prevención de riscos laborais en todos os tramos de idade escolar, aos traballadores e empresarios e aos técnicos de prevención de riscos laborais.
Destacan as accións formativas que chegarán a preto de 8.000 persoas, como a Escola Galega de Prevención de Riscos Laborais; o desenvolvemento de 27 xornadas técnicas formativas propias do ISSGA; así coma outras organizadas en colaboración con outros organismos; 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais, e 3 cursos en liña de formación en prevención de riscos laborais, ademais de un curso específico para actividades de tempo libre (en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude) e outro curso específico para o sector do agro en colaboración coa Consellería de Medio Rural e os sindicatos agrarios, no marco da Aula Virtual do instituto.
Adela Quinzá-Torroja engadiu que o Plan de Actividades do ISSGA para 2012 inclúe a continuidade de liñas postas en marcha en anos anteriores e que tiveron gran aceptación, tales como o impulso da colaboración coa autoridade sanitaria na investigación de enfermidades e vixilancia epidemiolóxica da saúde laboral, o mapa de riscos ergonómicos de Galicia ou o Plan piloto de avaliación de riscos psicosociais na administración.
UN 15,61% MENOS DE ACCIDENTES EN 2011
A directora do ISSGA aproveitou para informar de que a sinistralidade laboral en Galicia reduciuse nun 15,61% en 2011 con respecto a 2010, ao rexistrar un total de 31.149 accidentes con baixa en xornada laboral, 5.763 menos que no 2010. De eles, 30.623 foron leves, 474 graves e 52 mortais.
Adela Quinzá-Torroja indicou que a sinistralidade descendeu nas catro provincias galegas (A Coruña -14,39%, Lugo -12,78%, Ourense -17,24%, Pontevedra -17,37%) e recalcou que os sinistros mortais baixaron en xeral un 18,75 por cento.
Así mesmo resaltou que os accidentes ‘in itinere’, os ocorridos durante os desprazamentos ao ir ou volver do traballo, diminuíron nun 15,04% con respecto ao ano anterior.
Por sectores, Quinzá-Torroja apuntou que o maior descenso rexistrouse na construción (24,64%), seguido da industria (17,8%), dos servizos (11,1%), a pesca (8%) e a agricultura (6,2%).