Luns, Outubro 21, 2013
O ISSGA lanza un audiovisual para mostrar a problemática da utilización dos equipos de traballo en buques de pesca
- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, e o presidente da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, presentaron hoxe en Vigo ‘Virando Aparellos’
- O seu obxectivo é explicar a normativa que atinxe a estes equipos; os requisitos comúns de seguridade; os órganos de accionamento; e as proteccións, revisións e mantemento que requiren
- O Instituto tenta ser o organismo de referencia en seguridade no sector e, xunto cos armadores e traballadores, colaborar na procura de alternativas que melloren as condicións de seguridade e saúde dos pescadores
‘Virando Aparellos’ é un audiovisual específico elaborado por técnicos do ISSGA especialistas no sector da pesca. O seu obxectivo é explicar a normativa que atinxe a estes equipos; os requisitos comúns de seguridade; os órganos de accionamento; e as proteccións, revisións e mantemento que requiren.
Así mesmo, preséntanse unha serie de accidentes tipo, procedentes de casos reais investigados por técnicos do ISSGA, que pretenden poñer de manifesto as causas dos mesmos e as medidas preventivas que os terían evitado.
Para Quinzá-Torroja, “esta ferramenta audiovisual vai ser un importante apoio para os profesionais da prevención que teñan que impartir formación específica a tripulantes deste tipo de buques”.
A presentación do audiovisual tivo lugar na Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), coa que o ISSGA ten asinado un acordo marco de colaboración en materia de prevención de riscos laborais, por ser unha das asociacións de armadores de buques de altura e gran altura con maior presenza nos mares de todo o mundo.
A directora do Instituto explicou que “esta condición internacional das nosas flotas fai que se abra un enorme abano de posibilidades na colaboración, para poder espallar todos estes traballos específicos elaborados polo ISSGA no sector da pesca”.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral tenta ser o organismo de referencia en seguridade no sector e, xunto cos armadores e traballadores, colaborar na procura de alternativas que melloren as condicións de seguridade e saúde dos pescadores.