Mércores, Maio 22, 2013
O ISSGA lanza dúas publicacións sobre a seguridade laboral no sector das carretillas elevadoras
- Na páxina web do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) poden descargarse os dous documentos, na sección de documentación, que están dispoñibles en formato pdf
- Ademais, o Instituto promoverá a súa difusión a través de futuras xornadas técnicas e outros eventos relacionados coa actividade
- O obxectivo destas accións divulgativas é informar ao empresario e ao traballador responsable de manexar as carretillas, a quen se lle esixe no seu traballo diario unha gran destreza, para conducir e levar as cargas correctamente e manipular sen incidentes as mercadorías das empresas
Santiago, 22 de maio de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a difundir dúas follas de prevención laboral no sector das carretillas elevadoras, co obxecto de informar aos traballadores e ao empresariado sobre as esixencias e requisitos que deben cumprir.
Trátase de equipos de traballo destinados ao transporte e manipulación de cargas e teñen un papel importante en case todas aquelas empresas que necesitan trasladar e elevar materiais e dispoñen de almacenamento de produtos.
En particular, o colectivo dos carretilleiros profesionais constitúe un dos piares fundamentais do sector loxístico. A utilización destas ferramentas conleva unha serie de riscos para o persoal que as manexa e está no seu entorno, e tamén para os produtos que se manipulan e as instalacións de almacenamento.
Nestas publicacións explícanse cales son os requirimentos indispensables, tanto na manipulación segura de mercadorías coma na propia necesidade de asegurar a protección do condutor e do resto dos traballadores que comparten o espazo de traballo.
A primeira das publicacións fai referencia aos compoñentes de obrigado equipamento das carretillas, do tellado, dos dispositivos de retención do condutor (a cabina ou o cinto de seguridade), e os dispositivos destinados á elevación de cargas (as forquitas e as cadeas).
Ademais da normativa que deben cumprir, expóñense brevemente aqueles principios básicos preventivos que se deben ter en conta no manexo da carretilla. Entre outras recomendacións, recórdase que en caso de modificar as estrutura do tellado dunha máquina, debe asegurarse que continúe cumprindo as esixencias de resistencia recollidas na norma correspondente, e recórdase a importancia do correcto mantemento e substitución de pezas clave, coma as cadeas e as rodas.
A segunda das publicacións fai fincapé na planificación preventiva que se debe seguir. En particular, detállanse as revisións de mantemento e as inspeccións técnicas de seguridade que se deben esixir, as primeiras en función do uso do equipo e as segundas cunha periodicidade mínima anual.
Outro aspecto práctico importante que garante a seguridade é a formación dos traballadores, para os que se establecen dous niveis de cualificación: o de operador e o de supervisor de operacións de manutención con carretillas. Detállase o contido e duración en tempo do temario que deben recibir, e establece unha primeira formación básica e posteriores actualizacións cada cinco anos para as dúas categorías.
Para asegurar a calidade e utilidade desta formación, a mesma debe impartirse por entidades acreditadas que teñen que cumprir unha serie de requisitos de instalacións, equipos e formadores.
Na páxina web do ISSGA poden descargarse os dous documentos, na sección de documentación, que están dispoñibles en formato pdf. Ademais, o Instituto promoverá a súa difusión a través de futuras xornadas técnicas e outros eventos relacionados coa actividade.
O obxectivo destas accións divulgativas é informar ao empresario e ao traballador responsable de manexar as carretillas, a quen se lle esixe no seu traballo diario unha gran destreza, para conducir e levar as cargas correctamente e manipular sen incidentes as mercadorías das empresas.