Novas

Venres, Outubro 16, 2009

O ISSGA insta ás empresas a elaborar o seu propio plan de actuación fronte á gripe A para reducir no posible o impacto da pandemia

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou hoxe no seu Centro provincial de Ourense a xornada técnica “A gripe A no ámbito da seguridade e a saúde laboral”, na que se falou sobre as medidas de prevención nas empresas ante esta nova doenza e os aspectos médico-legais sobre a influenza da mesma no traballo.

A xefa de Sección de Hixiene Industrial do ISSGA, Lucía Ferrón, fixo fincapé na necesidade de que as empresas elaboren os seus propios plans de actuación, sumándose así ao esforzo de toda a sociedade para facer que o impacto da pandemia sexa o mínimo posible. Eses plans deberán recoller medidas preventivas dirixidas tanto á protección da saúde das traballadoras e dos traballadores como a asegurar o mantemento da actividade da empresa.

Así, incidiu en que as compañías deberán facilitar a ausencia de traballadores por teren gripe e o acceso á atención sanitaria aos empregados que presenten síntomas de padecer a doenza durante a xornada laboral, así como favorecer a ausencia daqueles que teñan familiares enfermos. Ademais, corresponderalles asegurar a dispoñibilidade de produtos para a hixiene das mans, establecer medidas necesarias para garantir a limpeza frecuente de superficies cos produtos de limpeza habituais e ventilar con frecuencia os lugares de traballo.

A especialista en Hixiene Industrial do ISSGA insistiu na importancia de fomentar a formación e a difusión dos coñecementos sobre a enfermidade, o seu xeito de propagación, a identificación dos grupos de risco e as actuacións que se deben seguir no caso de presentar síntomas, ademais de incentivar a vacinación dos empregados, segundo as recomendacións específicas das autoridade sanitarias.

No referente aos traballadores, Ferrón incidiu en que estes non deberían acudir ao seu lugar de traballo no caso de presentaren síntomas de gripe, non sendo recomendable que volvan ata estar 24 horas sen febre sen necesidade de tomar medicación para baixala. No caso de que os síntomas xurdisen estando no traballo, habería que comunicalo e abandonar o centro, a ser posible con mascarilla. Os empregados que teñan un maior risco de complicacións e as mulleres embarazadas deberán poñerse en contacto canto antes co seu médico no caso de presentaren síntomas da doenza.

Á marxe destas e outras recomendacións, instou na súa intervención a estar ben informados e saber como actuar para que afrontar de forma madura e responsable a pandemia, evitando xerar alarmas infundadas ou poñer en marcha actuacións desproporcionadas.

Sobre o plan de actuación que deben aplicar as empresas fronte a esta enfermidade falaron tamén o xefe do Servizo de Prevención do Grupo Coren, Borja Novoa, e o responsable de prevención de riscos laborais da empresa Faurecia en Ourense, José Manuel González o Tizón, mentres que o coordinador da sociedade de prevención de FREMAP en Ourense, Jorge Félix Junco González, disertou sobre as actuacións dos servizos de prevención e das mutuas sobre a nova gripe.

Por outra banda, a charla da xefa do Equipo de Medicina Laboral do centro ourensán do ISSGA, Teresa Pérez Blanco, centrouse en explicar as características desta enfermidade, as súas causas e a súa propagación, facendo fincapé en que é “exactamente igual a calquera outra gripe en canto ao seu xeito de transmisión, contaxio, síntomas e tratamento”.

Actuacións do ISSGA

Esta xornada enmárcase dentro das actuacións que está a desenvolver o ISSGA, como organismo técnico-científico con competencia en prevención de riscos laborais, para axudar a empresarios e traballadores a afrontar as situacións derivadas da pandemia de Gripe A/H1N1. Entre elas, ademais da organización de xornadas formativas e divulgativas nos seus catro centros provinciais, enmárcase a publicación dunha folla de prevención sobre esta enfermidade e sobre as medidas de prevención que deben tomar empresarios e traballadoras para previla. Tanto esta publicación como a Guía para a Elaboración do Plan de Actuación das Empresas ante a pandemia están dispoñibles na páxina web do organismo, www.issga.es.