Novas

Venres, Febreiro 22, 2013

O Issga inicia a súa oferta formativa para 2013 cunha xornada técnica sobre a exposición ao sílice e amianto

• Desenvolveranse 24 actividades propias do ISSGA, así coma outras organizadas en colaboración con outros organismos; 12 cursos básicos presenciais e 3 cursos en liña de formación en prevención de riscos laborais, ademais dun curso específico para actividades de tempo libre (en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude).

• Chegarán a preto de 9.000 persoas das catro provincias galegas.

Pontevedra, 22 de febreiro de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, inicia hoxe as actividades que compoñen a súa oferta formativa cunha xornada técnica sobre ‘Toma de mostras e avaliación da exposición aos contaminantes químicos: sílice e amianto’ no seu Centro ISSGA de Pontevedra.

As accións formativas planificadas para o ano 2013 chegarán a preto de 9.000 persoas. Desenvolveranse 24 xornadas técnicas propias do ISSGA, así coma outras organizadas en colaboración con outros organismos; 12 cursos básicos presenciais e 3 cursos en liña de formación en prevención de riscos laborais, ademais dun curso específico para actividades de tempo libre (en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude).

Ademais impartirase formación en prevención de riscos laborais en máis de 35 cursos a traballadores do sector primario no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible con contidos específicos teórico-prácticos dedicados á seguridade na pesca, ao emprego seguro de maquinaria agrícola e forestal, e ás pequenas explotacións gandeiras, entre outros. A totalidade da oferta formativa pódese consultar na páxina web do ISSGA, www.issga.es.

O Plan de Actividades do ISSGA para o 2013 contempla o estudo de metodoloxías de mostraxe e avaliación hixiénica que dea resposta ás novidades normativas e técnicas en canto ás metodoloxías de avaliación de axentes químicos.

Esta xornada técnica ten por obxecto facilitar a aplicación da normativa existente en relación coa toma de mostras e avaliación da exposición aos contaminantes químicos sílice e amianto.

O persoal responsable das avaliacións deberá estar cualificado para o desempeño de funcións de nivel superior e especialización en hixiene industrial e as análises das mostras só poden ser realizados por laboratorios especializados con capacidade técnica recoñecida.

Para a avaliación e prevención dos riscos relacionados coa exposición a amianto recoméndase ampliar a formación na materia para o persoal responsable das avaliacións de riscos e a implementación de sistemas de aseguramento da calidade de forma similar ao esixido aos laboratorios que realicen as análises.

Para poder asegurar a fiabilidade das avaliacións da exposición laboral a fibras de amianto, ademais de aplicar unha correcta estratexia de mostraxe, é necesario coñecer o método de medida recomendado, aplicalo correctamente, e dispoñer de procedementos para o control de calidade.

Por outra parte, resáltase a necesidade de ter sempre presente a dependencia entre a toma de mostra e a análise que se deriva do fundamento do método e que as actuacións de ambas as dúas partes contribúen e son necesarias para conseguir que os resultados obtidos sexan fiables. Isto significa que entre ambas as dúas actividades, aínda que se realicen de forma independente, debe existir unha mutua comunicación de información.