Novas

Luns, Novembro 19, 2012

O ISSGA inicia en Lugo a segunda edición dun curso básico de prevención de riscos laborais no que participan máis de 30 alumnos

• A acción formativa, que ten unha duración de 35 horas, forma parte do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014 do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

• O obxectivo é proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas.

Santiago, 19 de novembro de 2012.- O centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) en Lugo acolle ao longo desta semana a segunda edición dun curso básico de prevención de riscos laborais no que están a participar máis de 30 alumnos.

A acción formativa ten unha duración de 35 horas e entre os contidos que desenvolve destacan os conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo; riscos xerais e a súa prevención; riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención; elementos básicos da xestión da prevención de riscos; primeiros auxilios; e prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.

O obxectivo do curso é proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención establecida no artigo 35 do Regulamento dos Servizos de Prevención e ofrecer aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo.

Esta iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar forma parte da oferta formativa que o ISSGA desenvolve nos seus centros provinciais co obxectivo de proporcionar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos laborais. Esta acción, ademais, dá cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014.

Así mesmo, a oferta formativa do ISSGA dá cumprimento á Lei de Prevención de Riscos Laborais que establece, entre as súas obrigas, proporcionar aos traballadores formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo.

Ademais, esta normativa encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de vida no traballo.