Venres, Xuño 01, 2012
O ISSGA informa a técnicos e promotores sobre a xestión de riscos laborais en obras sen proxecto ou de emerxencia
Nesta xornada examináronse as obras sen proxecto en obras de edificación, sexa o promotor unha persoa ou unha entidade xurídica, en particular as comunidades de propietarios; tratáronse as obras civís e as obras de emerxencia, coas situacións particulares como as súas garantías ou reparacións posteriores á recepción das ditas obras; e un representante da mesa do subgrupo de construción de “obras sen proxecto ou emerxencia” da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde Laboral expuxo as súas propostas neste eido.
No Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014, que marca as directrices de actuación do ISSGA, no seu obxectivo 4 de potenciar a formación en materia de prevención de riscos laborais, destaca como liña de actuación a capacitación dos traballadores e do empresario, e en particular a formación para certos colectivos específicos, coma o da construción.
O Plan de Actividades 2012 do ISSGA inclúe varias actuacións específicas no sector da construción dirixidas a reducir a sinistralidade, como o Plan de Grandes Obras, que inclúe visitas coordinadas coa Inspección de Traballo e Seguridade Social. No primeiro cuadrimestre deste ano desenvolvéronse un total de 34 visitas. Outros programas orientados a previr a sinistralidade neste sector son o Programa de Obras Singulares e o Programa Cassco, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción.
Entre as actividades formativas, inclúese a proposta de impartir formación para a administración local. No ano 2011 elaborouse unha unidade didáctica dirixida a técnicos da administración local especialmente centrada na prevención no sector da construción, e que neste ano implementarase na aula virtual do ISSGA.
Por outra banda, neste primeiro trimestre do ano impartiuse formación a 45 axentes da policía local na que se incluíu un módulo de formación específico orientado a coñecer a aplicación da normativa de prevención de riscos laborais nos traballos.