Novas

Venres, Abril 26, 2013

O ISSGA impulsou a investigación de preto de 700 enfermidades profesionais nos últimos dous anos

  • A directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, ofreceu hoxe unha rolda de prensa sobre enfermidades profesionais, con motivo da celebración o próximo 28 do Día mundial da seguridade e saúde no traballo
  • Entre outras actuacións postas en marcha polo Goberno galego, salientou as elaboracións dos mapas de riscos químicos e ergonómicos; os distintos estudos epidemiolóxicos; así como as iniciativas relacionadas co amianto
  • En 2013 prevese elaborar un Rexistro de traballadores expostos a amianto
  • Ao longo de 2012 rexistráronse un total de 1.067 enfermidades profesionais, a maioría delas causadas por axentes físicos, especialmente por posturas forzadas e movementos repetitivos
  • Levouse a cabo un programa de loita contra os accidentes por sobreesforzo, dirixido ás empresas cun alto índice destes sinistros

 

Santiago, 26 de abril de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a impulsar a investigación das enfermidades profesionais, dentro do abano de actuacións que está levando a cabo para previr estas doenzas. Así, só en 2011 e 2012 este organismo realizou preto de 700 investigacións neste sentido.

Esta foi unha das moitas actuacións que este organismo levou a cabo no eido da prevención das enfermidades profesionais, segundo explicou hoxe en rolda de prensa a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja. A responsable autonómica lembrou que este domingo celébrase o Día mundial da seguridade e saúde no traballo, que fai especial incidencia sobre as doenzas consecuencia do traballo.

Na súa intervención, fixo balance de distintas medidas postas en marcha para loitar contra as enfermidades profesionais. Os obxectivos que se perseguen, segundo a estratexia de prevención de riscos laborais 2011-2014 son, entre outros: potenciar a colaboración dos axentes sociais e económicos e entre administracións, especialmente implicando á atención primaria na comunicación destas doenzas; a formación do persoal sanitario; mellorar a declaración destas enfermidades; estudar a súa epidemioloxía; e fomentar a súa investigación.

Quinzá-Torroja detallou varias das actuacións xa executadas co fin de acadar estas metas. Por exemplo, a elaboración do mapa de risco químico, no que participaron 161 empresas de sectores nos que utilizan produtos potencialmente perigosos e que abranguen a máis de 31.000 traballadores. Neste traballo, identificáronse máis de 8.600 produtos químicos e presentouse un primeiro informe de resultados.

Unha liña de traballo parecida, aínda que noutra materia, iniciouse co mapa de riscos ergonómicos. Identificáronse as actividades onde se están presentando os Trastornos Músculo Esqueléticos (TME), os postos de traballo de maior risco e os tipos de patoloxías máis frecuentes a través do estudo de 200 empresas. Agora mesmo, estase na fase de recompilar e avaliar a información de cara a facer unha diagnose.

Quinzá-Torroja indicou tamén que se realizou un estudo epidemiolóxico entre mariscadoras, redeiras e outras actividades anexas á pesca para coñecer o estado de saúde do colectivo e os factores de risco da súa actividade laboral. Leváronse a cabo 936 recoñecementos e, como resultado, elaborouse unha guía de boas prácticas para axudar a estes traballadores a previr posibles trastornos ou enfermidades.

Ademais, fíxose un estudo hixiénico e epidemiolóxico en canteiras; e campañas específicas de prevención de riscos por sílice na transformación da pedra natural. Outra das actuacións foi a publicación dunha guía de vixilancia no sector pesqueiro, un colectivo entre o que tamén se avaliaron os factores ergonómicos.

Accidentes por sobreesforzo
O ISSGA realizou nos últimos 2 anos un programa de loita contra os accidentes por sobreesforzo, dirixido ás empresas cun alto índice destes sinistros. Visitáronse empresas que rexistraban cifras elevadas accidentes por sobreesforzo e realizáronse 439 actuacións de asesoramento. Desenvolveuse tamén un programa de protección das traballadoras embarazadas, que contou cun total de 683 actuacións.

No marco das enfermidades profesionais, a directora do ISSGA referiuse na súa intervención ao risco por amianto. Lembrou que este organismo mantén un rexistro de empresas con risco (RERA) -no que actualmente hai inscritas 346 empresas- e tramita os seus plans de traballo. Entre 2011 e 2012 foron aprobados un total de 698.

Neste mesmo eido de actuación, recordou que en outubro de 2012 asinouse un acordo marco coa Consellería de Sanidade para fortalecer a vixilancia e seguimento de supostos de riscos de exposición laboral ao amianto. O intercambio de información necesario para este obxectivo vai materializarse este 2013. Un dos seus principais obxectivos é elaborar o Rexistro de traballadores expostos a amianto (RETEA).

Destacou tamén que nos últimos dous anos realizáronse máis de 2.600 recoñecementos médicos, preto de 5.000 análises e ao redor de 21.000 probas complementarias (auditivas, respiratorias, visuais, cardíacas ou radiolóxicas) entre o colectivo dos autónomos, no marco dunha campaña de vixilancia da saúde dirixida a este sector.

Estatísticas
En 2012 rexistráronse un total de 1.067 enfermidades profesionais. Destas, 476 foron sen baixa e 591 con baixa. A gran maioría delas foron causadas por axentes físicos, nunha porcentaxe que supera o 75 por cento do total, especialmente derivadas de posturas forzadas e movementos repetitivos. Os sectores onde existe unha especial incidencia son a industria e os servizos, ambos con porcentaxes de máis do 40 por cento.