Novas

Xoves, Xaneiro 30, 2014

O Issga impulsará a prevención de riscos laborais en 2014 cun total de 65 actuacións aprobadas por patronal e sindicatos

  • O Consello da Xunta deu hoxe o visto bo ao Plan de actividades do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) para este ano

  • Este é o último dos plans executados ao abeiro da Estratexia en prevención de riscos laborais 2011-2014, que foi acordada no seo do diálogo social

  • As actuacións, distribuídas en 6 eixos, están deseñadas cun carácter integral nun dobre sentido: abarcar todas as disciplinas e ter como destinatario a todo o tecido empresarial galego

  • No Plan inclúense iniciativas novidosas como a análise da evolución da sinistralidade laboral en Galicia, a elaboración dun estudo ergonómico no sector das conservas de peixe ou o impulso á redución dos riscos psicosociais no traballo

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) continuará impulsando a prevención de riscos laborais na comunidade autónoma a través do seu Plan de actividades para 2014, que conta cun total de 65 actuacións e que foi aprobado por unanimidade polos sindicatos e a patronal na comisión de goberno deste organismo.

O Consello da Xunta deu hoxe o visto bo a esta iniciativa, que é o último plan desenvolvido ao abeiro da Estratexia en prevención de riscos laborais 2011-2014, un documento que foi acordado no seo do diálogo social.

As actividades previstas para 2014 teñen unha clara vocación integral nun dobre sentido: abarcar a totalidade das disciplinas preventivas (seguridade, hixiene, ergonomía e psicoloxía, e medicina no traballo) e chegar a todo o tecido empresarial galego.

O plan está elaborado en torno a seis eixos: procesos de mellora no desenvolvemento de actuacións de carácter interno; observatorio galego de condicións de traballo; investigación da sinistralidade; accións de colaboración e asesoramento técnico; programas sectoriais de redución da sinistralidade; e accións de formación, difusión e sensibilización.

 Os obxectivos  xerais deste documento é promover un eficaz cumprimento da normativa; incrementar a calidade e eficacia dos sistemas de prevención das empresas; implicar a todos os actores na seguridade no traballo; potenciar a formación e a cultura da prevención na sociedade galega; e, xa por último, mellorar a investigación en materia de seguridade e saúde laboral.

Novas actuacións

No Plan de actividades inclúense dous tipos de actuacións: as anuais, que manteñen a continuidade con anos anteriores, ben polo seu carácter plurianual, ou ben por ser funcións esenciais do ISSGA; e as anuais, que definen novos proxectos para dar resposta ás necesidades e demandas detectadas nun momento determinado.

Neste último grupo de iniciativas de carácter anual, inclúense as actuacións novidosas que se contemplan para 2014, que son as seguintes: a análise da evolución da sinistralidade laboral en Galicia; a publicación de fichas de investigación de accidentes laborais e de enfermidades profesionais; o desenvolvemento dunha avaliación de riscos tipo para buques de pesca de baixura; un estudo ergonómico no sector das conservas de peixe; a redución dos riscos psicosociais; a promoción da saúde no lugar de traballo; a elaboración de materiais didácticos de prevención para o sector primario e os autónomos; e o asesoramento no manexo de maquinaria agrícola.

Ademais, darase continuidade a distintas liñas postas en marcha con anterioridade e que están tendo unha repercusión importante como: o impulso da colaboración coa autoridade sanitaria na investigación de enfermidades e vixilancia epidemiolóxica; o mapa de riscos ergonómicos de Galicia; e a formación en prevención de riscos a todos os tramos de idade escolar, así como aos traballadores e empresarios e aos técnicos de prevención de riscos laborais.

 Neste eido, destacan tamén as accións formativas que chegarán este ano a preto de 8.000 persoas. Estas formacións desenvolveranse a través da Escola galega de prevención de riscos laborais; do desenvolvemento de xornadas técnicas; dos cursos básicos presenciais ou en liña; ou doutras actuacións formativas específicas para o sector primario.