Venres, Xuño 19, 2026
O Issga impulsa a prevención fronte á exposición a contaminantes químicos no sector naval
Rande-Redondela (Pontevedra), 19 de xuño de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) organizou unha xornada técnica no Centro territorial de Pontevedra centrada nos riscos asociados á exposición a contaminantes químicos por vía respiratoria no sector naval, un sector no que a presenza de fumes, po, vapores e outras substancias perigosas require a aplicación de medidas preventivas eficaces.
A sesión permitiu afondar nos principais riscos derivados da inhalación de contaminantes xerados en procesos como a soldadura, o pintado, a limpeza, o tratamento de superficies ou a manipulación de produtos químicos, así como na importancia dunha correcta avaliación dos riscos, a implantación de medidas de control e o uso adecuado dos equipos de protección respiratoria.
Durante a xornada analizáronse criterios técnicos e boas prácticas para mellorar a protección fronte aos riscos por inhalación, abordando aspectos como a selección, utilización e mantemento dos equipos de protección individual (EPI), ademais dos erros máis frecuentes no seu uso e as súas posibles consecuencias para a saúde das persoas traballadoras.
A actividade incluíu tamén unha parte práctica orientada ao uso, axuste e coidado dos equipos de protección respiratoria, co obxectivo de reforzar os coñecementos das persoas participantes e favorecer unha aplicación máis eficaz das medidas preventivas nos centros de traballo.
Esta xornada, que espertou un gran interese e contou cunha ampla participación, enmárcase nas actuacións previstas no Plan de actuación do Issga para 2026 e dá continuidade ao traballo da Comisión Técnica de Prevención de Riscos Laborais no sector naval, constituída co obxectivo de impulsar a mellora das condicións de seguridade e saúde laboral neste ámbito de actividade.