Novas

Mércores, Agosto 12, 2026

O Issga impulsa a prevención de riscos laborais no sector pesqueiro coa colección “Lembra”

imaxe dos documentos da colección lembra_pesca

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) presenta e pon a disposición do sector pesqueiro a actualización da colección Os Lembra_Pesca, integrada por cinco documentos técnicos co obxectivo de mellorar a seguridade e e a saúde laboral nunha das actividades económicas máis estratéxicas e representativas de Galicia. Esta iniciativa enmárcase nas actuacións previstas no seu  Plan de actuación 2026 e que contribúe ao desenvolvemento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, reforzando o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora das condicións de seguridade e saúde laboral das persoas traballadoras da nosa comunidade.

A pesca constitúe unha actividade de grande relevancia económica, social e cultural para Galicia e un elemento esencial para o desenvolvemento das súas zonas costeiras. Ao mesmo tempo, presenta condicións de traballo especialmente complexas derivadas do medio no que se desenvolve a actividade, da utilización de equipos específicos, das operacións realizadas a bordo das embarcacións e da exposición a múltiples factores de risco. Esta realidade fai imprescindible avanzar de forma continua na integración da prevención de riscos laborais como parte da actividade diaria do sector.

Neste contexto, a pesca é un dos sectores prioritarios para o desenvolvemento de actuacións orientadas á redución da sinistralidade laboral, promovendo unha prevención baseada no coñecemento, na participación, na innovación e na mellora continua. A colección Lembra_Pesca constitúe unha das ferramentas coas que o Issga contribúe a facer efectivos estes obxectivos estratéxicos, achegando coñecemento técnico útil e actualizado ás empresas e ás persoas traballadoras do sector.

Esta actualización está integrada por cinco documentos técnicos que abordan cuestións clave para a seguridade e saúde laboral na actividade pesqueira:

Prevención de riscos na pesca_Seguridade dende o embarque ata o desembarque

21 fichas coas medidas preventivas desde o embarque ata a chegada a porto: chaleco salvavidas, sinalización, equipos e cubertas de traballo, EPI, risco eléctrico, cadro orgánico, estabilidade, emerxencias, primeiros auxilios,....

Uso de dispositivos de salvamento e supervivencia en embarcacións de pesca

31 fichas no que se explica o uso adecuado dos dispositivos de salvamento e supervivencia nas embarcacións de pesca: chaleco salvavidas, traxe de supervivencia e inmersión, lanzacabos, aro e balsa salvavidas, bote de rescate, bengalas, radiobalizas, sinais fumíxenos flotantes, .....

Equipos de traballo

13 fichas sobre os principais equipos de traballo instalados nos buques de pesca, os requisitos comúns de seguridade, as obrigas do empresariado e persoas traballadoras.

Prevención de riscos na extracción de recursos específicos

13 fichas coas recomendacións preventivas de boas prácticas para a extracción daquelas especies marisqueiras que requiren un sistema de xestión particular: embarcación, extracción do percebe, mergullo e primeiros auxilios.

Sinais xestuais e de salvamento

Cartel no que se explican de forma gráfica os principais sinais de salvamento e xestuais así como o seu significado.

 

Os documentos foron elaborados polo persoal técnico do Issga coa participación de profesionais e entidades representativas do sector pesqueiro, incorporando a experiencia práctica e o coñecemento técnico das persoas que desenvolven a súa actividade no mar. O seu obxectivo é facilitar información rigorosa, cun formato claro e visual, directamente aplicable ao traballo diario, favorecendo a identificación dos principais riscos presentes na actividade e a implantación de medidas preventivas eficaces.

A elaboración e difusión desta colección responde á vontade do Issga de impulsar a xeración e a transferencia de coñecemento especializado como ferramenta para mellorar a prevención de riscos laborais. Neste sentido, os Lembra_Pesca constitúen un recurso de apoio ás actuacións de información, sensibilización e asesoramento técnico que desenvolve o instituto, promovendo a integración efectiva da prevención na organización do traballo e impulsando proxectos concretos que faciliten a aplicación práctica das medidas recollidas nos documentos.

Así mesmo, esta iniciativa compleméntase coas actuacións de estudo, análise da realidade preventiva do sector e asesoramento técnico que desenvolve o Issga, orientadas a mellorar o coñecemento da realidade preventiva do sector, identificar necesidades emerxentes e favorecer a adaptación continua das accións preventivas á evolución das técnicas de pesca, dos equipos de traballo, da organización da actividade e dos novos retos en materia de seguridade e saúde laboral.

O desenvolvemento destas actuacións baséase na colaboración permanente do Issga coa Consellería do Mar, coas confrarías de pescadores, coas organizacións representativas do sector, cos servizos de prevención e co resto de axentes implicados, convencidos de que a participación e o traballo conxunto constitúen elementos esenciais para avanzar cara a contornos laborais máis seguros e saudables.

Enlace de la campaña  "Os Lembra do Issga_Pesca"