Mércores, Xullo 29, 2026
O Issga impartiu unha xornada técnica de prevención de riscos laborais e primeiros auxilios no obradoiro dual de emprego Vía Küning VII
Becerreá, 29 de xullo de 2026
O Issga impartiu unha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios ao alumnado do obradoiro dual de emprego Vía Küning VII, celebrado en Becerreá.
Esta actividade enmárcase no Plan de actuación 2026 do Issga, concretamente no eixe 5.3: Concienciación e sensibilización da sociedade galega en seguridade e saúde no traballo, en desenvolvemento da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo: Horizonte 2027.
Os obradoiros duais de emprego, promovidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, constitúen un escenario idóneo para integrar a prevención de riscos laborais na etapa formativa, favorecendo que o alumnado adquira hábitos de traballo seguro desde o inicio da súa actividade profesional.
Durante a xornada, o persoal técnico do Issga impartiu formación específica sobre os riscos asociados aos traballos de albanelaría, incidindo nas principais medidas preventivas para evitar accidentes de traballo e enfermidades profesionais, así como na importancia de planificar as tarefas e utilizar correctamente os equipos de protección individual. A sesión completouse cun módulo de primeiros auxilios, no que se abordaron os principios básicos de actuación ante unha emerxencia, combinando contidos teóricos con actividades de carácter práctico.
Con este tipo de actuacións, o Issga reforza a información, a sensibilización e a formación en prevención de riscos laborais entre o alumnado dos obradoiros duais de emprego, promovendo a integración da cultura preventiva como parte esencial da cualificación profesional e contribuíndo á formación de persoas traballadoras máis preparadas para desenvolver a súa actividade en contornas de traballo seguras.