Mércores, Xullo 15, 2026
O Issga impartiu unha xornada técnica de prevención de riscos laborais e primeiros auxilios no obradoiro dual de emprego Terras do Sor VIII
O Vicedo, 15 de xullo de 2026
O Issga impartiu unha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios no obradoiro dual de emprego Terras do Sor VIII, promovido polo Concello do Vicedo e no que participan tamén os concellos de Muras e Ourol.
Esta actividade enmárcase no Plan de actuación 2026 do Issga, dentro do eixe 5.3: Concienciación e sensibilización da sociedade galega en seguridade e saúde no traballo, en desenvolvemento da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo: Horizonte 2027.
Os obradoiros duais de emprego, promovidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, combinan formación e experiencia profesional, ofrecendo ás persoas participantes a oportunidade de adquirir unha cualificación profesional ao tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.
Para o Issga, estes programas constitúen un escenario idóneo para integrar a prevención de riscos laborais desde a etapa formativa, favorecendo a adquisición de hábitos de traballo seguro que acompañen ao alumnado ao longo da súa traxectoria profesional.
O obradoiro Terras do Sor VIII ofrece formación nos certificados de profesionalidade: Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble e Traballos de carpintería e moble, especialidades nas que resulta esencial coñecer os riscos específicos das tarefas, as medidas preventivas que deben adoptarse e as actuacións básicas en caso de emerxencia.
Durante a xornada, o persoal técnico do Issga abordou os principais riscos asociados ás distintas actividades formativas do obradoiro, as medidas preventivas para evitar accidentes de traballo e enfermidades profesionais e os coñecementos básicos de primeiros auxilios, adaptando os contidos ás características de cada especialidade.
Con este tipo de actuacións, o Issga reforza a información, a sensibilización e a formación en prevención de riscos laborais, promovendo a integración da cultura preventiva no proceso de aprendizaxe e contribuíndo a formar profesionais máis conscientes da importancia da seguridade e da saúde no traballo.