Novas

Xoves, Xullo 09, 2026

O Issga impartiu unha xornada técnica de prevención de riscos laborais e primeiros auxilios no obradoiro de emprego Sarria, Camiño de Santiago VI

Alumnado de obradoiro asistindo a sesión de primeiros auxilios impartida polo Issga no salón de plenos da casa do Concello de Sarria

Sarria, 9 de xullo de 2026

O Issga impartiu unha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios no obradoiro de emprego Sarria, Camiño de Santiago VI, promovido polo Concello de Sarria.

Esta actividade enmárcase no Plan de actuación 2026 do Issga, concretamente no eixe 5.3: Concienciación e sensibilización da sociedade galega en seguridade e saúde no traballo, en desenvolvemento da Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo: Horizonte 2027.

Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego promovidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, nos que as persoas participantes reciben cualificación profesional ao tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Durante os nove meses de duración do programa, o alumnado-traballador combina a formación coa práctica profesional mediante un contrato de formación en alternancia.

Para o Issga, estes programas constitúen un escenario idóneo para integrar a prevención de riscos laborais desde a etapa formativa, favorecendo a adquisición de hábitos de traballo seguro que acompañen ao alumnado ao longo da súa traxectoria profesional.

O obradoiro Sarria, Camiño de Santiago VI ofrece formación nos certificados de profesionalidade Fábricas de albanelería e Instalación de elementos de carpintería, especialidades nas que resulta esencial coñecer os riscos específicos das tarefas, as medidas preventivas que deben adoptarse e as actuacións básicas en caso de emerxencia.

Durante a xornada, o persoal técnico do Issga abordou os principais riscos asociados a estas actividades, as medidas preventivas para evitar accidentes de traballo e enfermidades profesionais e os coñecementos básicos de primeiros auxilios, combinando contidos teóricos con exemplos prácticos adaptados aos traballos que realiza o alumnado.

Con este tipo de actuacións, o Issga reforza a información, a sensibilización e a formación en prevención de riscos laborais, promovendo a integración da cultura preventiva no proceso de aprendizaxe e contribuíndo a formar profesionais máis conscientes da importancia da seguridade e da saúde no traballo.