Xoves, Setembro 19, 2024
O ISSGA imparte unha xornada técnica sobre a manipulación de diisocianatos
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024.
O ISSGA organizou, dentro da oferta formativa incluída no seu plan de actuación para 2024 e aliñándose cos obxectivos da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, esta xornada técnica en formato webinar, en colaboración con FREMAP, coa que se pretende dar a coñecer os requisitos esixidos polo Regulamento da Unión europea (UE) 2020/1149 en materia de formación para os usos industriais e profesionais dos diisocianatos así como as medidas de control do risco.
Motivación
Desde o 24 de agosto de 2023, o Regulamento (UE) 2020/1149 establece novas obrigacións en materia de formación para os usos industriais e profesionais dos diisocianatos. A restrición ten por obxecto evitar o manexo non seguro dos diisocianatos pero non restrinxe en ningún caso a dispoñibilidade dos produtos. As novas obrigas van a afectar alomenos a catorce substancias.
Os diisocianatos son sensibilizantes respiratorios capaces de inducir asma ocupacional en persoas non sensibilizadas previamente e incrementar violentamente os síntomas de asma nas xa sensibilizadas. Os vapores e aerosois de diisocianatos producen irritación de ollos, nariz e garganta, lagrimexo, sensación de presión, sensación de ardor na traquea ou dificultade respiratoria similar ás da asma. Na pel tamén producen irritación e poden dar lugar a dermatite.
Estes compostos son moi usados na fabricación de escumas flexibles e ríxidas, en fibras, adhesivos, seladores, en pinturas e vernizados e en elastómeros. Debido ás súas propiedades, son utilizados nunha ampla variedade de aplicacións e sectores, destacando o uso de escumas de poliuretano ríxidas na construción ou de escumas de poliuretano flexibles na industria do moble, calzado, automóbil etc.
O Regulamento (UE) 2020/114 introduce como novidade a necesidade dunha formación obrigatoria para todos os traballadores por conta propia e por conta allea que manipulen diisocianatos como tales ou como compoñentes doutras substancias ou en mesturas para usos industriais ou profesionais ou que supervisen as ditas tarefas.
Obxetivo
Na xornada, desenvolvida en colaboración con FREMAP, déronse a coñecer os requisitos esixidos por esta normativa europea así como as medidas de control de risco químico que demostraron ser eficaces para traballar dunha forma segura cos diisocianatos, coa finalidade de diminuír o risco de posibles sensibilizacións respiratorias ou cutánea derivadas da súa exposición.
Destinatarios
A xornada estivo dirixida aos profesionais da prevención, responsables de compras, técnicos, mandos e delegados de prevención e traballadores, así como aquelas persoas que precisen coñecementos sobre os diisocianatos.