Novas

Martes, Febreiro 26, 2019

O ISSGA imparte unha xornada formativa o alumnado do Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude

 Sergude, 26 de febreiro de 2019. A xornada, que tivo un contido teórico e práctico, incluíu os seguintes relatorios:

  • Os riscos de seguridade na actividade agrícola e forestal, que impartiu Gema Bertoa Veiga, técnica de seguridade e saúde laboral do centro do Issga de Lugo

  • Os riscos do ambiente de traballo e o uso seguro de substancias e mesturas, que expuxo José Rega Piñeiro, xefe do centro do Issga da Coruña

  • Enfermidades profesionais no sector, a cargo de Mª Paz Eyre Vázquez, xefa do Equipo técnico de Medicina Laboral do centro do Issga de Lugo

  • Grupo de traballo do sector forestal e documentos do Issga. Gamificación e Serious Games. APP Alertas Issga, realizada por Héctor González Nóvoa, xefe do Equipo Técnico de Seguridade e Hixiene do centro do Issga de Ourense

  • Primeiros auxilios no sector, coa participación de Juan Manuel Rodríguez Lorenzo, xefe da Sección de Recoñecementos e Analítica do centro do Issga de Ourense

Estivo destinada principalmente a uns 80 alumnos do Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, aínda que tamén asistiron persoas alleas ao centro xa que a participación estaba aberta a todas as persoas interesadas.

Abordáronse os riscos e as medidas preventivas que se deben desenvolver na actividade agraria. Fíxose fincapé naqueles aspectos máis destacados relativos aos riscos nas explotacións agrarias, nas que habitualmente se traballa con animais, polo que destacan os riscos biolóxicos. Ademais, hai outros riscos no eido da seguridade que deben terse en conta, e veñen derivados do emprego de equipos de traballo coma os tractores, colleitadoras e outras grandes máquinas, para as que é importante ter formación e experiencia no seu manexo. Por outra banda, existe un uso importante de produtos químicos, coma fitosanitarios e abonos, que se deben ter en conta no ámbito da hixiene.

Os contidos incluíron tamén os traballos na actividade forestal, na que hai tarefas de especial risco, coma a corta polo pé de árbores coa motoserra. Pero ademais son traballos ao aire libre, en lugares de difícil acceso, con superficies esvaradías e con pendentes, e que se caracterizan ademais pola temporalidade e porque varias empresas comparten habitualmente un mesmo lugar de traballo.

Unha das funcións máis importantes do Issga é a de colaborar coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.

A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia consolidada, e a vía máis operativa para isto é a través do sistema educativo. Así, a prevención de riscos laborais debe promoverse en todas as etapas do sistema educativo.

Por isto, o ISSGA desenvolve actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación no eido da prevención de riscos laborais na poboación escolar nos diferentes niveis educativos da educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e o apoio técnico ao profesorado.

Así, cómpre colaborar coa consellería competente en materia de educación na realización de actuacións nos centros educativos para promover a adquisición dunha cultura preventiva no eido laboral dos mozos e das mozas da Comunidade Autónoma de Galicia, inculcándolles condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que como futuros empresarios e traballadores terán que enfrontarse.