Martes, Marzo 18, 2025
O ISSGA imparte unha xornada de primeiros auxilios no IES Foz
Foz, 18 de marzo de 2025
No marco do Plan de Actuación 2025 do ISSGA, e en especial do seu apartado 5.3.3 sobre sensibilización e aprendizaxe na formación profesional, persoal técnico do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) impartiu unha xornada técnica teórico-práctica sobre primeiros auxilios ao alumnado do IES Foz.
O centro, que imparte ciclos de grao básico, medio e superior das familias de Hostalaría e Xestión Administrativa, acolleu esta formación co obxectivo de dotar ao alumnado de ferramentas esenciais para actuar ante situacións de emerxencia. A xornada incluíu aspectos fundamentais sobre a aplicación da cadea de supervivencia, manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e a correcta actuación ante obstrucións das vías respiratorias, entre outras materias clave.
Esta acción formativa insérese dentro das actuacións desenvolvidas polo ISSGA para fomentar a cultura preventiva e a aprendizaxe do traballo seguro dentro do sistema educativo, especialmente na formación profesional, seguindo as liñas estratéxicas marcadas pola Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027. Esta estratexia persegue, entre outros obxectivos, xerar cultura preventiva en colaboración cos axentes sociais e outras entidades, incidindo na formación profesional como unha etapa clave para consolidar hábitos saudables e seguros no exercicio futuro dunha profesión.
Con esta iniciativa, o ISSGA reafirma o seu compromiso coa seguridade e saúde laboral, promovendo accións que contribúan a minimizar riscos e a preparar ao futuro persoal traballador para actuar de forma eficaz ante posibles situacións de emerxencia nos seus futuros postos de traballo.