Novas

Xoves, Outubro 22, 2026

O Issga imparte unha charla sobre prevención de riscos laborais no II Obradoiro Dual de Emprego Ulla-Umia

imaxe da charla impartida no obradoiro

Valga, 20 de outubro de 2026. 

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) impartiu unha charla formativa sobre prevención de riscos laborais ao alumnado do II Obradoiro Dual de Emprego Ulla-Umia, no que participan os concellos de Moraña, Portas e Valga.
A actividade desenvolveuse na Escola Taller de O Forno, en Cordeiro (Valga), e foi impartida polo técnico do Issga Diego Castro Balboa. Na sesión participou o alumnado das especialidades de Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, así como alumnado dos certificados de carpintaría. 
A formación permitiu abordar os principais aspectos relacionados coa prevención dos riscos laborais nas actividades forestais e da madeira, achegando ao alumnado recomendacións e pautas prácticas para identificar e previr os riscos aos que poderán estar expostos no desenvolvemento da súa actividade profesional.
No marco da visita, o Issga fixo entrega de material da campaña sobre equipos de protección individual (EPI) no sector forestal, co obxectivo de reforzar o coñecemento sobre a importancia destes equipos e promover o seu uso adecuado como parte esencial da prevención.
Con esta actuación, o Issga continúa a súa labor de formación, información e sensibilización en seguridade e saúde laboral, achegando a cultura preventiva ás persoas que se están formando para a súa incorporación ao mercado de traballo e prestando especial atención a sectores prioritarios como o forestal e o da madeira.