Xoves, Marzo 01, 2012
O ISSGA imparte un obradoiro para traballadoras do sector do marisqueo a pé en Poio
Onte pola tarde tivo lugar no Centro de Servizos Sociais do Concello de Poio un obradoiro en prevención de riscos laborais dirixido a traballadoras do sector do marisqueo a pé, que tiña como finalidade fomentar hábitos que axuden a previr as lesións músculo-esqueléticas máis frecuentes no exercicio da súa profesión.
Esta actividade formativa foi impartida polo xefe do Centro ISSGA de Pontevedra, D. José Antonio Rodríguez Arribe e o técnico do mesmo centro, Diego Castro Balboa.
O contido do obradoiro centrouse nos riscos profesionais e nos danos derivados do traballo.
Obxectivos específicos
- Promover comportamentos seguros
- Fomentar unha correcta utilización dos útiles de traballo
- Fomentar o interese e a cooperación das traballadoras na acción preventiva
O sector
O sector pesqueiro é un sector fundamental para o desenvolvemento socioeconómico de Poio, que conta con case 400 persoas con licenza para exercitar o marisqueo a pé, e das que máis do 95% son mulleres, polo que é evidente que se trata dunha profesión feminizada, na que ademais, a media de idade destas profesionais é elevada.
O Issga, dentro do seu obxectivo de información, divulgación e formación en materia preventiva, leva adiante accións de promoción da prevención de riscos laborais para os traballadores e traballadoras de Galicia.