Venres, Novembro 05, 2010
O ISSGA imparte na Coruña formación sobre a aplicación da normativa de construción
A normativa da construción e a súa correcta aplicación para evitar accidentes laborais é o tema que centra a xornada técnica que celebra hoxe 5 de novembro o Centro do ISSGA na Coruña. Baixo o título de “Normativa de construción e a súa aplicación”, a xornada será presentada por Miguel Martínez Losada, director do Centro ISSGA da Coruña, e reunirá a profesionais expertos na prevención de riscos no sector da construción.
Francisco Javier Nores Quesada, xefe de Sección de construción do ISSGA da Coruña impartirá un relatorio sobre “Certificacións, ensaios e organismos de cualificación de equipos” e Carlos Lozano Martínez, director do Laboratorio de Elementos de Seguridade de AIDICO, falará sobre “Requisitos técnicos, métodos de avaliación e aspectos documentais que deben cumprir os medios de protección colectiva e determinados medios auxiliares e equipos específicos”.
Ramón Montane Escobar, responsable de seguridade en altura de CABLES Y ESLINGAS S.A. ofrecerá o relatorio “Proteccións de seguridade en altura” e Jose Manuel Blanco Montero, xefe de Seguridade de ACCIONA exporá o “Certificado de montaxe de equipos que requiren verificación previa”.
Ao remate da xornada celebrarase un coloquio no que participarán todos os asistentes.