Novas

Luns, Outubro 14, 2013

O ISSGA imparte este mes catro cursos básicos de prevención de riscos laborais nos que participarán 200 persoas de toda Galicia

  • A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe a acción formativa de Lugo
  • O obxectivo desta iniciativa é proporcionar formación de calidade en materia de seguridade e saúde laboral
  • Ao longo deste ano xa formaron parte das actividades formativas do ISSGA máis de 2.100 persoas

Lugo, 14 de outubro de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, impartirá este mes de outubro catro cursos básicos de prevención de riscos laborais en cada un dos seus centros provinciais, nos que participarán preto de 200 persoas. Esta acción formativa comezou hoxe en Lugo e esta semana tamén terá lugar na Coruña e Ourense. A semana próxima celebrarase en Pontevedra.

A iniciativa enmárcase na oferta formativa do Instituto para este ano 2013. As accións desenvólvense tanto de xeito presencial como en liña a través da aula virtual. O obxectivo é proporcionar formación de calidade en materia de seguridade e saúde laboral dando, así, cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011.2014.

O que se pretende é, segundo explicou a directora do ISSGA, acadar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención establecida no regulamento dos servizos de prevención. “O que queremos é proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo”, apuntou.

Os cursos básicos que terán lugar entre esta semana e a próxima constan de 35 horas lectivas. A formación será impartida por técnicos do ISSGA especialistas en seguridade, hixiene, ergonomía e psicosocioloxía e medicina laboral.

“A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto na sociedade”, destacou Quinzá-Torroja.

Estes cursos básicos englóbanse na oferta formativa do ISSGA na que xa tomaron parte ao longo deste ano máis de 2.100 persoas.

Para 2013 programáronse un total de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais nos catro centros provincias do Instituto dos cales xa tiveron lugar 7 deles coa participación de 306 persoas. Ademais, realizáronse tres dos catro cursos básicos de prevención na modalidade en liña programados a través da aula virtual nos que tomaron parte 300 persoas. Un deles foi específico para actividades de tempo libre, que forma parte do Plan de formación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Con respecto a xornadas técnicas, xa tiveron lugar 18 das 23 nas que asistiron 1.518 persoas.