Martes, Xuño 30, 2026
O Issga imparte en Ribadavia un curso de prevención de riscos laborais para persoal de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar.
Ribadavia, 30 de xuño de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou en Ribadavia un curso de prevención de riscos laborais en tarefas de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar, orientado a mellorar os coñecementos preventivos das persoas traballadoras deste colectivo e a promover a integración da seguridade e saúde laboral no seu traballo diario.
Esta actuación forma parte do Plan de actuación do ISSGA para 2026, dentro da liña de cursos por concellos dirixido ao persoal coidador de atención directa a persoas con dependencia e axuda no fogar, unha actividade maioritariamente desenvolvida por mulleres e que presenta importantes retos preventivos relacionados coas condicións ergonómicas, os riscos psicosociais e a exposición a determinados axentes biolóxicos.
Durante o curso abordáronse os principais riscos laborais asociados a estas tarefas, prestando especial atención á prevención dos trastornos musculoesqueléticos derivados da mobilización de persoas, das posturas forzadas e da manipulación manual de cargas. Así mesmo, tratáronse aspectos relacionados cos riscos biolóxicos, a prevención do estrés laboral e o desgaste profesional, así como a identificación e actuación fronte a posibles situacións de violencia no traballo.
A través dun enfoque práctico, achegáronse pautas e medidas preventivas para favorecer un traballo máis seguro e saudable, fomentando a adquisición de hábitos preventivos entre as persoas participantes.
Con esta iniciativa, o Issga continúa impulsando accións de formación e sensibilización adaptadas ás necesidades reais do tecido laboral galego. Cun foco prioritario nun colectivo tan vulnerable como fundamental para a nosa sociedade —o persoal encargado do coidado dos nosos maiores—, esta acción contribúe de forma directa a mellorar as súas condicións de seguridade e saúde laboral, dignificando un labor que é un piar básico do noso benestar.