Novas

Venres, Xuño 29, 2012

O ISSGA formará a máis de 500 persoas a través de cursos en liña básicos, específicos para bombeiros e de tempo libre

• O Instituto Galego de Seguridade e Saúde laboral (ISSGA) remata hoxe dous destes cursos: un de formación básica, e outro dedicado á prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre
• Ademais da oferta formativa en liña, o ISSGA tamén organiza actividades de formación presencial nas catro provincias, así como xornadas
 

Santiago, 29 de xuño de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) formará este ano a máis de 500 persoas a través de distintos cursos en liña: tanto con contidos básicos, como dirixidos especificamente a bombeiros, ou ás persoas que realizan actividades de tempo libre.

Hoxe rematan dous destas actividades: o segundo curso básico que se celebra este ano, e o curso básico de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre. Deste xeito, xa se teñen formado 270 persoas nas dúas edicións dos cursos básicos, ás que se suman as 30 que realizaron o curso específico de actividades de tempo libre. A estes sumaríanse as 150 prazas que ofertará a terceira edición do curso básico, e as 60 dispoñibles este ano, por primeira vez, para os bombeiros.

Estes cursos en liña impártense en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, e no caso do curso para bombeiros, en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Os cursos que rematan hoxe iniciáronse a principios do mes de maio, e finalizan coa superación dun exame presencial en cada un dos centros do ISSGA; ou ben a través dunha proba a distancia no caso do curso destinado a actividades de tempo libre.

Os obxectivos dos cursos básicos son proporcionar o nivel e capacitación necesario para desenvolver funcións de xestión da prevención (establecida no artigo 35 do regulamento dos servizos de prevención); e facilitar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo.

De feito, debido á alta demanda rexistrada nestes cursos básicos, este ano aumentáronse as prazas nun total de 60 con respecto ás dispoñibles durante o ano 2011.

Pola súa banda, o curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre centrouse nos tres aspectos principais nos que se desenvolven estas actividades: os riscos propios das instalacións e dos edificios; a circulación pola vía pública; e as actividades ao aire libre (pautas de actuación ante os animais, en xogos nas piscinas e zonas de baño, en caso de incendios forestais ou no establecemento de lugares de acampada). Estes cursos celébranse antes da tempada de verán para que as persoas que vaian traballar como monitores de tempo libre adquiran esta formación e a apliquen no seu traballo.

A formación en liña, que facilita o acceso á formación das persoas con dificultades para acudir ás aulas por diversos motivos, compleméntase cos cursos presenciais e as distintas xornadas.

En concreto, no 2012 están programados 12 cursos presenciais nas catro provincias, dos que no que vai de ano xa se celebraron 7 que chegaron a 250 alumnos. Ademais, durante este exercicio, programaranse 28 xornadas formativas. Destas, xa se teñen celebrado 18 que contaron coa asistencia de máis de 1.600 profesionais.