Novas

Mércores, Febreiro 27, 2013

O ISSGA formará este ano a preto de 500 persoas a través da súa oferta formativa en liña

• A primeira edición desta iniciativa, na que participarán 150 persoas e que se realiza en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), comeza hoxe.

• Estes cursos teñen unha duración de 60 horas lectivas.

• A formación en liña, que facilita o acceso á formación das persoas con dificultades para acudir ás aulas por diversos motivos, compleméntase cos cursos presenciais e as distintas xornadas que teñen lugar nos Centros do ISSGA.

• Para este ano 2013 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais e tres edicións a través da modalidade en liña, así como 24 xornadas técnicas sobre diversos temas de interese preventivo.

Santiago, 26 de febreiro de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, formará este ano a preto de 500 persoas a través da súa oferta formativa en liña. Debido á alta demanda rexistrada nestes cursos básicos, desde o pasado ano aumentáronse as prazas nun total de 60 con respecto ás dispoñibles durante no ano 2011.

De feito, hoxe comeza a primeira edición desta iniciativa, na que participarán 150 persoas e que se realiza en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Rematará a finais do mes de abril coa superación dun exame presencial en cada un dos centros do ISSGA ou na sede da EGAP.

Estes cursos, que se desenvolven en liña, teñen unha duración de 60 horas lectivas. O programa do curso versa sobre conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, riscos xerais e a súa prevención, riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención, elementos básicos da xestión da prevención de riscos, primeiros auxilios e prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.

Os obxectivos son proporcionar o nivel e capacitación necesario para desenvolver funcións de xestión da prevención e facilitar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo.

A formación en liña, que facilita o acceso á formación das persoas con dificultades para acudir ás aulas por diversos motivos, compleméntase cos cursos presenciais e as distintas xornadas que teñen lugar nos Centros do ISSGA.

Oferta formativa do ISSGA
A Lei de Prevención de Riscos Laborais inclúe a necesidade de proporcionar aos traballadores formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.

Neste liña, a oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014.

Para este ano 2013 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais que terán lugar nos catro centros provinciais do ISSGA e tres edicións a través da modalidade en liña, así como 24 xornadas técnicas sobre diversos temas de interese preventivo.