Novas

Mércores, Maio 16, 2012

O ISSGA forma en prevención de riscos laborais a 45 axentes da Policía Autonómica galega

O ISSGA forma en prevención de riscos laborais a 45 axentes da Policía Autonómica galega

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja; e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; entregaron os diplomas aos participantes desta iniciativa.

O contido da formación inclúe os conceptos básicos sobre seguridade e saúde laboral, os riscos, os elementos da xestión da prevención de riscos, primeiros auxilios, e un módulo de contidos centrado na prevención de riscos laborais nos traballos que se desenvolven na rúa.

A directora do ISSGA apuntou que “o valor engadido deste curso básico é a orientación que se lle dá a este módulo específico, que inclúe o estudo dos principais factores de risco e as medidas de seguridade que se deben adoptar”.

O director xeral de Emerxencias e Interior indicou que é necesaria a formación continua dos axentes da Policía Autonómica coma ferramenta da mellora do seu desempeño profesional.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), no marco do seu Plan de Actuacións e en colaboración coa Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, vén de desenvolver un curso en materia de prevención de riscos laborais dirixido a 45 axentes da Policía Autonómica Galega, co obxecto de facilitar a súa función preventiva na detección de riscos para os traballadores naqueles postos de traballos ligados á tarefas de vixilancia da actividade policial.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja; e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; entregaron onte os diplomas aos participantes desta iniciativa. Na súa intervención, Quinzá-Torroja salientou que esta función preventiva desenvólvese en colaboración e apoio cos órganos da administración encargados de velar polo cumprimento da normativa sobre seguridade e saúde laboral. “A formación en materia de prevención aos membros desta unidade é o primeiro paso para conseguir a efectividade das colaboracións entre estes órganos”, indicou.

O contido da formación inclúe os conceptos básicos sobre seguridade e saúde laboral, os riscos, os elementos da xestión da prevención de riscos, primeiros auxilios, e un módulo de contidos centrado na prevención de riscos laborais nos traballos que se desenvolven na rúa.

A directora do ISSGA apuntou que “o valor engadido deste curso básico é a orientación que se lle da a este módulo específico, que inclúe o estudo dos principais factores de risco e as medidas de seguridade que se deben adoptar nos traballos construtivos e a obra civil, así coma en servizos de limpeza e recollida de lixo ou mantemento de xardíns, que os axentes poden atopar na súa rutina de traballo”.

Segundo destacou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, é necesaria a formación continua dos axentes da Policía Autonómica coma ferramenta da mellora do seu desempeño profesional, e agradeceu a todos os participantes no curso o seu interese pola actualización e a mellora constante no seu posto de traballo.

O labor da Policía Autonómica abrangue eidos tan importantes para a vida cotiá dos cidadáns como o medio ambiente, os menores, a loita contra os incendios forestais ou a loita contra o furtivismo, e o seu traballo incide directamente na calidade de vida dos galegos.

Esta formación inclúe os principios básicos da lexislación no ámbito da construción, cos riscos graves máis comúns, coma son as caídas de altura, as caídas de obxectos e os riscos eléctricos, e as medidas preventivas máis comúns. Na mesma expóñense as máquinas e medios auxiliares más habituais empregados en obras, coma as plataformas elevadoras, estadas, encofrados, ademais das singularidades da obra civil.

Lei de Prevención de Riscos Laborais
A Lei de Prevención de Riscos Laborais establece, entre outras obrigas, a de proporcionar aos traballadores formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo.

Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de vida no traballo.

Neste liña, a oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve nos seus centros provinciais, ten o propósito de proporcionar formación de calidade en materia de prevención de riscos laborais e dar cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011 – 2014.

A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.