Novas

Luns, Setembro 27, 2021

O ISSGA forma en Arteixo a 20 persoas no manexo seguro de plataformas elevadoras de persoas e no desenvolvemento de traballos en altura

  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebra hoxe e mañá cadanseus cursos en Arteixo dirixidos aos sector da construción
  • A formación de oito horas en cada caso diríxese a persoas traballadoras autónomas e traballadoras por conta allea de empresas e micropemes, así como a desempregados

Arteixo (A Coruña), 27 de setembro de 2021. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) impartiu hoxe no Polígono Industrial de Sabón o primeiro de dous cursos de 8 horas que se celebrarán en Arteixo sobre medidas de prevención na execución de traballos no sector da construción. Un total de 10 persoas participaron hoxe na primeira destas actividades centrada en dar a coñecer mecanismos seguros na utilización de plataformas elevadoras móbiles de persoas (PEMP). Mañá está prevista outra sesión dirixida a chamar a atención dos riscos das caídas en altura e as proteccións específicas para evitar danos na que tomarán parte outros 10 asistentes.

As PEMP son equipos nos que a persoa traballadora se despraza ata a posición axeitada para realizar traballos en altura e permanece nela mentres desenvolve as súas tarefas. A utilización inadecuada destas plataformas pode xerar riscos como envorcamento, caída de materiais sobre outras persoas, atrapamentos, contacto con liñas eléctricas, golpes, e mesmo caídas desde esa altura.

O Issga defende a formación axeitada no manexo das plataformas como fundamental para evitar estes riscos, que se pode complementar cos cursos específicos para evitar as caídas desde lugares elevados. No curso de hoxe tratáronse, entre outros aspectos, o funcionamento destas plataformas, os dispositivos de seguridade, o manexo práctico individualizado e a evacuación dende a cesta co equipo de evacuación e rescate.

En canto á prevención nos traballos en altura, máis especificamente, o programa formativo abordará, entre outras temáticas: as proteccións colectivas e individuais para as persoas traballadoras, o uso de técnicas anticaídas, métodos de rescate e salvamento en altura.

Unha situación con risco de caída pode producirse con escasa altura, como cando un traballador dun supermercado sobe a un tallo para repoñer un andel, ou con maior elevación como ocorre nos traballos da construción, poda de árbores, instalación de antenas, liñas eléctricas, e moitas outras situacións de risco, que afectan case que a todos os sectores produtivos: construción, industria, servizos, agricultura, etc.
 

Os traballos que supoñan un risco de caída de altura superior a 2 metros requiren o uso de proteccións específicas, pero iso non exclúe que cando se traballe en alturas inferiores non deban utilizarse tamén os medios e equipos adecuados para cada situación.

Os dous cursos que acolle Arteixo, cada un de oito horas lectivas nunha soa xornada, son prácticos e están dirixidos a traballadoras e traballadores do sector da construción e afíns, sen desbotar outros sectores, que sexan persoal traballador autónomo ou empregados de pemes e micropemes. A participación abriuse ademais a persoas desempregadas, para favorecer a súa reciclaxe e preparación de ámbito preventivo cara á súa inserción laboral.

Cos mesmos a Xunta contribúe á súa labor formativa para acadar contornas laborais máis seguras e con persoal máis cualificado, colocando a saúde laboral e o coñecemento como eixos básicos da actividade profesional.