
A Coruña, 15 de novembro de 2013.- Diferentes especialistas formaron e asesoraron hoxe na Coruña a 144 técnicos en prevención de riscos laborais no sector da construción a través dunha xornada técnica do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).
A directora do Instituto, Adela Quinzá-Torroja, clausurou esta iniciativa, onde avanzou que con esta actividade péchase a oferta formativa do ISSGA neste tipo de actividades nas que participaron ao longo deste ano preto de 2.000 persoas. En total, leváronse a cabo 23 xornadas técnicas nas catro provincias galegas.
Con respecto á seguridade laboral no sector da construción, Quinzá-Torroja destacou que o ISSGA e a Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (Apecco), como entidade representativa do sector, están colaborando de xeito permanente en diversas accións formativas e divulgativas, que se reflicten na elaboración de diversos documentos técnicos como o ‘Manual de traballos en altura’ ou na realización de accións formativas como cursos de coordinadores de seguridade e saúde laboral; outras xornadas técnicas a empresarios da construción; e cursos especializados para técnicos e traballadores.
Así mesmo, o ISSGA está a desenvolver unha campaña a través dous seus técnicos habilitados no sector na construción sobre as condicións de traballo materiais ou técnicas de equipos relacionados con traballos en altura, realizando visitas de verificación e requirindo ás empresas a corrección das deficiencias.
A directora do Instituto tamén sinalou a importancia de seguir traballando para reducir as cifras de sininstralidade laboral. Neste senso, apuntou que os sinistros laborais na construción baixaron nun 30,02 por cento nos nove primeiros meses do ano, pasando de 2.871 a 2.009. No mes de setembro tamén baixou neste ámbito nun 12,27 por cento producíndose o maior descenso na provincia da Coruña, nun 22,3 por cento.
Os relatores da xornada
Nesta xornada técnica, que o ISSGA realizou na Coruña, analizouse tanto a situación actual, coma a evolución ao longo do tempo da prevención de riscos laborais na construción.
A xornada, polo tanto, estivo dedicada especialmente ao sector de construción, edificación e obra civil, incluíndo catro relatorios, que abordaron os temas mais salientables da prevención de riscos laborais neste sector.
Así, o primeiro relatorio, a cargo de Francisco Javier Nores Quesada, xefe de Seguridade en Construción do Centro ISSGA da Coruña, versou sobre a evolución das condicións de traballo xeradoras de risco, e o grao de incumprimento da normativa, en relación aos distintos axentes intervenientes nas obras.
O segundo relatorio centrouse na figura dos recursos preventivos no relativo a súa presenza nas obras de prevención, presentándose o criterio técnico da Inspección de Traballo por parte de Elena Mancha Montero de Espinosa, xefa da Unidade especializada de Seguridade Social e Saúde Laboral da Inspección Provincial de Traballo.
Sobre as obrigas do empresario e a intervención dos servizos de prevención na selección, instalación, posta en servizo e cesión dos equipos de traballo xirou a terceira ponencia. O relator foi José Manuel Blanco Montero, xefe de prevención de Acciona, da zona Galicia.
Por último, Manuel Álvarez Losada, membro da directiva de APECCO, expuxo a evolución da prevención de riscos laborais na provincia da Coruña na construción desde a súa experiencia e visión empresarial e o traballo de APECCO nos últimos anos.