Novas

Venres, Agosto 13, 2010

O ISSGA FORMA A 1.832 EMPRESARIOS E TRABALLADORES NO PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO PARA REDUCIR A SINISTRALIDADE LABORAL

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral desenvolveu un total de 27 accións formativas nos primeiros seis meses do ano.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2010.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) –dependente da Consellería de Traballo e Benestar- desenvolveu, ao longo do primeiro semestre de 2010, un total de 27 accións formativas, nos seus catro centros provinciais, nas que participaron un total de 1.832 empresarios e traballadores.

Este amplo programa formativo levouse a cabo ao abeiro do Plan Estratéxico de Prevención dos Riscos Laborais 2006-2010 co obxectivo de avanzar na cultura da prevención dos riscos durante a xornada laboral, xeneralizar a incorporación de rutinas básicas de seguridade nos centros de traballo e, en definitiva, reducir os riscos inherentes ao exercicio da actividade laboral e, consecuentemente, a sinistralidade.

Todas as accións formativas foron impartidas por técnicos do ISSGA e por expertos de mutuas, empresas e outras entidades. Ademais, a oferta formativa do ISSGA está diferenciada en xornadas técnicas monográficas e cursos básicos de prevención de riscos laborais.

As xornadas técnicas –un total de 17 no primeiro semestre- están orientadas a un amplo abano profesional, tanto a empresarios, como traballadores, cadros e dirixentes sindicais, técnicos de empresas e institucións públicas, etc. Os 1.299 participantes accederon a contidos formativos específicos, en función do seu perfil de interese profesional, impartidos por expertos do ISSGA en colaboración con universidades, mutuas, empresas, sindicatos e outras entidades.

Entre outras materias, o ISSGA dedicou as xornadas monográficas do primeiro semestre aos riscos derivados do traballo con plataformas elevadoras, da exposición a axentes químicos, da toxicoloxía laboral, de coordinación de actividades empresariais, de equipos de traballo e máquinas e de dermatose profesional para médicos do traballo.

No que atinxe aos cursos básicos -un total de 10 no primeiro semestre- están dirixidos preferentemente a empresarios, ao obxecto de dotalos da capacitación necesaria para xestionar a prevención nas súas propias organizacións. Os 533 asistentes aos cursos recibiron formación sobre riscos xerais, riscos específicos inherentes á actividade da súa empresa, xestión da prevención de riscos e primeiros auxilios, co valor engadido de que os coñecementos adquiridos polos empresarios teñen un efecto multiplicador, xa que son aplicados posteriormente na xestión dos recursos humanos, beneficiando a todo o cadro de persoal da empresa.

Pola súa singularidade e sensibilidade cara aos colectivos con discapacidade, destaca a iniciativa do ISSGA, pioneira en España, de adaptar os seus cursos básicos de formación á linguaxe de signos para a comunidade xorda. En abril tivo lugar no centro do ISSGA en A Coruña un curso destas características para que os traballadores con disfunción auditiva poidan responder axeitadamente ante calquera situación de perigo laboral.

Esta formación, a medida das necesidades dos traballadores con discapacidade auditiva, é impartida con material audiovisual de apoio, elaborado e adaptado polo ISSGA ás necesidades específicas deste colectivo, na súa totalidade en linguaxe de signos.

Próximas xornadas

Na programación formativa do segundo semestre do ano destacan as xornadas de xestión do risco derivado do amianto, que se celebrarán en A Coruña do 20 ao 22 de setembro, coa participación de destacados expertos na materia; así como os cursos específicos para fomentar a implantación da prevención de riscos no sector primario, con sesións para os profesionais do sector agropecuario e forestal, que se celebrarán en Lugo en setembro, e do sector pesqueiro que terán lugar no centro do ISSGA en Rande en outubro.