Novas

Martes, Xullo 20, 2010

O ISSGA forma a 150 desempregados en prevención de riscos laborais, en colaboración co Plan Ferrol

A directora do ISSGA, o director do Plan Ferrol e o presidente da asociación impulsora do Plan Ferrol clausuraron onte o terceiro curso de prevención de riscos laborais impartido a traballadores da comarca.

Esta formación mellora as condicións de empregabilidade dos participantes.

Ferrol, 20 de xullo de 2010.- Un colectivo de 150 traballadores da comarca de Ferrol en situación de desemprego ven de mellorar as súas condicións de empregabilidade, tras recibir formación cualificada sobre prevención de riscos laborais, ao abeiro do convenio de colaboración establecido o pasado mes de maio entre o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA, e o Plan de Desenvolvemento das Comarcas de Ferrol Eume e Ortegal Ferrol.

O ISSGA impartiu as sesións de formación estruturadas en tres cursos de prevención de nivel básico de 50 horas, con 50 alumnos cada un deles. Superado o proceso de formación, os traballadores participantes nestes cursos, titorizados por técnicos do ISSGA, atópanse agora nunha situación máis favorable para a súa empregabilidade e reincorporación ao mercado laboral, en sectores estratéxicos para a economía da comarca, como o naval, estando capacitados para o exercicio das funcións de nivel básico contempladas no regulamento que desenvolve a Lei de Prevención de Riscos Laborais.

A clausura do terceiro dos cursos celebrados tivo lugar nun acto ao que asistiu a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, o director do Plan Ferrol, Alejandro Langtry, e o presidente da asociación impulsora do Plan Ferrol, Xulio Abelleira, e no que tamén se procedeu á entrega de diplomas aos alumnos participantes.

Coa impartición destes cursos, o ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, contribúe directamente aos obxectivos do Plan Ferrol, mellorando a formación dos traballadores, favorecendo a súa incorporación ao mundo laboral e paliando o efecto negativo das diferentes reconversións que o sector naval veu experimentando ao longo das tres últimas décadas.

A través do Igape, a Xunta dispuxo co Plan de Desenvolvemento das Comarcas de Ferrol Eume e Ortegal Ferrol un marco de apoio aos investimentos con medidas de discriminación positiva para converter o territorio nun espazo especialmente atractivo para acoller novos proxectos, ao tempo que se están a impulsar outras actuacións encamiñadas a favorecer a mellora da competitividade das empresas da zona e a internacionalización.

Nesta nova etapa do Plan Ferrol preténdese, ademais, realizar un esforzo especial para poñer en marcha actuacións concretas dirixidas a mellorar a empregabilidade dos desempregados das comarcas. Neste contexto está encadrado o curso básico de prevención de riscos laborais que se clausurou onte.