Novas

Luns, Decembro 02, 2013

O ISSGA fomenta a colaboración coas empresas que participaron na elaboración do mapa de risco químico

  • A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Cervo na inauguración da VII Semana da Seguridade e Medioambiente
  • Destacou a importancia das actividades que se levan a cabo a través da Estratexia en prevención de riscos laborais de Galicia 2011-2014 deseñada pola Xunta

 

Cervo (Lugo), 2 de decembro de 2013.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a colaborar con Alcoa no desenvolvemento da VII Semana da Seguridade e Medioambiente que se celebra en Cervo ata o próximo día 5. A directora do Instituto, Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na inauguración desta actividade, onde destacou as diversas liñas de asesoramento e colaboración que este organismo ten coas empresas que participaron en 2010 na elaboración do mapa de risco químico.

Quinzá-Torroja sinalou que o obxectivo desta actuación é actualizar a información das fichas de seguridade destes produtos e as avaliacións específicas deste risco coa conseguinte proposta de medidas de redución

A directora do Instituto, ademais, destacou a importancia das actividades que se están a levar a cabo a través da Estratexia en prevención de riscos laborais de Galicia 2011-2014 que deseñou a Xunta, ao tempo que detallou as principais actuacións do Plan de Actividades do ISSGA para este ano, que foi aprobado por unanimidade pola comisión de Goberno do Instituto, na que teñen presenza tanto a patronal como os tres sindicatos máis representativos de Galicia.

No marco deste plan, explicou, ademais dos obxectivos do mapa de risco químico, a importancia da coordinación que debe existir entre unha empresa e os seus centros de traballo en materia de prevención ou, por exemplo, entre unha empresa e as súas subcontratas.

Con respecto ás actividades da VII Semana da Seguridade e Medioambiente que se está a celebrar en Cervo, destacou unha xornada técnica que terá lugar mañá na Casa da Cultura de San Cibrao, na que participará o técnico do centro do ISSGA de Lugo, Álvaro José López Aenlle, para falar sobre as responsabilidades en prevención de riscos laborais.

Ademais, no polideportivo de San Cibrao poderán visitarse ao longo de toda a semana os diferentes stands alí instalados sobre seguridade laboral en diferentes ámbitos. Así mesmo, haberá charlas sobre saúde laboral e unha xornada de formación para profesores.