Mércores, Setembro 24, 2014
O ISSGA expón as conclusións do mapa de risco químico de Galicia nunha xornada en Vigo
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a colaborar coa CIG no desenvolvemento dunha xornada sobre o risco químico hoxe en Vigo.
Nesta xornada, a xefa de sección de hixiene industrial do ISSGA, Lucía Ferrón Vidán, expón os principais resultados e conclusións do ‘Mapa de risco químico de Galicia’, proxecto desenvolvido nestes últimos anos polo Instituto, no que se obtivo información sobre os produtos químicos presentes en máis de 160 empresas do sector industrial en Galicia e o grado de coñecemento e de control destes.
No ámbito laboral, os produtos químicos perigosos poden estar presentes en numerosos sectores de actividade, desde o industrial ao de servizos, pasando polo docente ou o sanitario, perigosidade que non só depende das súas propiedades intrínsecas, senón tamén da maneira na que se manipulan nos lugares de traballo. Neste contexto, o ISSGA editou un documento técnico denominado ‘Mapa de risco químico de Galicia’.
O obxectivo deste proxecto foi precisamente obter datos sobre o uso de produtos químicos perigosos nas empresas de Galicia, para poder así actuar preventivamente, prestando asesoramento e asistencia técnica centrada na correcta xestión deste risco, especialmente o derivado daqueles axentes químicos máis perigosos para a saúde dos traballadores. Trátase dun asesoramento complementado, ademais, con accións en materia de formación e información dirixidas tanto a empresarios como a traballadores